A Fegamp espera contar para finais de ano cunha ordenanza-tipo sobre aproveitamentos forestais

Así o acordaron hoxe a conselleira do Medio Rural e os presidentes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e da Confederación de Empresarios da Madeira de Galicia (Confemadera) nunha xuntanza de traballo en Santiago

A Fegamp espera contar para finais de ano cunha ordenanza-tipo sobre aproveitamentos forestais

Reunión desta mañá entre Fegamp, Xunta e Confemadera

A Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Confederación de Empresarios da Madeira de Galicia (Confemadera) están a traballar na elaboración dunha ordenanza-tipo que harmonizará a normativa sobre aproveitamentos forestais -corta e saca de madeira- en todos os concellos de Galicia.

Para dar forma a esta colaboración, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse este mediodía en Santiago co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e co presidente da Confederación de Empresarios da Madeira de Galicia (Confemadera), Elier Ojea.

O obxectivo, segundo o presidente da Fegamp, é lograr ter aprobado para finais de ano o documento para que empece a aplicar nos concellos galegos. A próxima semana reunirase unha comisión técnica para avanzar nos traballos desta ordenanza-tipo, nun proceso que se prevé complexo debido aos diferentes intereses en xogo.

Con esta medida búscase dotar dunha maior seguridade xurídica a propietarios forestais, silvicultores e axentes produtores e transformadores dos recursos forestais, especialmente da madeira, para o normal desenvolvemento da súa actividade, sexa cal sexa o termo municipal onde dita actividade se estea a producir.

Trátase, ademais, de compaxinar os lexítimos intereses dos veciños dos diferentes concellos coa actividade económica vinculada aos aproveitamentos forestais e coa conservación do contorno.

Esta xuntanza, á que tamén asistiu o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, serviu para avanzar na definición da devandita ordenanza-tipo, un documento que contará ademais con achegas de representantes do Clúster da Madeira e doutras asociacións vinculadas aos aproveitamentos forestais.

A reunión centrouse na necesidade de harmonizar a actividade forestal nos terreos de monte de Galicia, dispoñendo dun xeito claro e preciso que regulacións existen nesta materia, co fin de favorecer un marco normativo coordinado que clarifique cal é o órgano competente en materia de aproveitamento e xestión forestal.

Os madeiristas e aserradoiros piden que se unifiquen as ordenanzas municipais

A unificación das ordenanzas forestais municipais é reivindicada especialmente pola Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga). Benito García, presidente da asociación de aserradoiros da Coruña, criticaba hai unas semanas a “confusa” a situación actual, ante a inxente cantidade de lexislación que afecta o sector. “Contamos con máis de 100 ordenanzas forestais municipais diferentes en Galicia, cun procedemento diferente, un papel distinto, prazos de resposta diversos e taxas e avais que fan inviable a actividade de pequenas e medianas empresas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información