A facturación da industria galega da madeira medra un 4,5 %

O sector pechou o 2014 cuns ingresos de 1.744 millóns de euros. Soben lixeiramente os resultados de rematantes, aserradoiros e empresas de taboleiros, en tanto redúcense os do moble e carpintería un 3,5%

A facturación da industria galega da madeira medra un 4,5 %

O sector está a mellorar as súas cifras.

Confemadera Galicia, a patronal de empresas do sector, vén de presentar o informe anual de resultados correspondentes ó 2014, no que se constata un aumento da facturación da industria nun 4,5 % en relación ó 2013, ata acadar os 1.744 millóns de euros. Tódolos sectores da corta e primeira transformación da madeira melloraron as súas cifras, con un total de facturación que se achega ós 1.400 millóns de euros; se ben o sector do moble experimentou unha leva caída do 3,5 %, ata situarse nos 358 millóns.

O monte galego cortou no 2014 arredor de 7,5 millóns de metros cúbicos de madeira, segundo as estimacións de Confemadera, o que supón unha redución de 300.000 metros cúbicos en relación ó 2013. Do total, 3,75 millóns correspondéronse a eucaliptos, 3,45 millóns a pinos e 260.000 a frondosas caducifolias.

Máis de 70.000 familias cortaron madeira no último ano, o que lles supuxo uns ingresos duns 280 millóns de euros, segundo cálculos de Confemadera. A cifra dá unha idea do potencial do monte para complementar as economías domésticas. A comparativa de cifras tamén pon de manifesto os altos custos que representa para o propietario a corta e saca da madeira. O sector dos rematantes, encargado desta labor, facturou no 2014 uns 404 millóns de euros, segundo estimacións da patronal.

Demandas
En Galicia operan no sector da industria e da madeira arredor de 3.000 empresas que dan traballo directo a 20.000 persoas. Confemadera Galicia, a patronal que agrupa á maioría do sector, incidiu na presentación do informe 2014 nas boas cifras acadadas, aínda que apuntou a necesidade dunha mellor xestión do monte que consolide o potencial forestal galego.

Entre as eivas do monte, o presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, apuntou á existencia dunhas 600.000 hectáreas improductivas –dun total de 2 millóns de hectáreas de monte-, que poderían ser aproveitables forestalmente. Confemadera Galicia mantén nás últimas semanas un enfrontamento coa Xunta polo que entende como falta de solución ás necesidades do monte. Ojea lamentou na presentación do informe non ter ningunha resposta da Administración as súas demandas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información