A demanda de castiñeiros autóctonos para froito supera á oferta dispoñible

O sector advirte de que non hai planta suficiente para acometer as plantacións comprometidas polas axudas da Xunta. Os viveiros piden que se conte máis con eles nas decisións de política forestal

Publicidade
A demanda de castiñeiros autóctonos para froito supera á oferta dispoñible

Xornadas sobre o castiñeiro organizadas polo CIF de Lourizán.

En xuño, a Xunta abriu unha convocatoria de axudas para a plantación de castiñeiros de froito coa que calculaba que se acometerían unhas 1.000 hectáreas de novos castiñeiros. Para esas plantacións, precisaranse entre 50.000 e 100.000 árbores, en función dos marcos de plantación que se elixan. Problema, os viveiros galegos carecen na actualidade de tal oferta de plantas de variedades autóctonas.

A situación trascendeu estes días nunhas xornadas sobre o castiñeiro que organizou o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán. Advertiuse do problema na mesa redonda que puxo o peche ás xornadas, con participación dos viveiros forestais, da IXP Castaña de Galicia e de profesionais do sector. “Non hai planta de variedades autóctonas para facer as plantacións comprometidas nas axudas da Xunta”, sinalou Diego Quintas, enxeñeiro técnico de Landa Medioambiente e presidente dun monte veciñal en Allariz.

“Tanto nós como outros técnicos renunciamos a presentar solicitudes de axudas porque ou enganas á xente ou non fas as plantacións” (Diego Quintas)

“Tanto nós como outros técnicos renunciamos a presentar solicitudes de axuda para a plantación de castiñeiros, ou presentamos moi poucas, porque ou enganas á xente ou non as fas” -cuestiona Quintas-. “Estas axudas non se van aproveitar porque é irreal que se poidan plantar 1.000 hectáreas, como se di, xa que é imposible conseguir a planta”.

Os viveiros recoñecen a falta de planta das variedades autóctonas, aínda que tamén sinalan que as axudas permiten a plantación de portaenxertos (clons híbridos), que deben ser enxertados ó ano seguinte da plantación.

Tempos
A presidenta da asociación Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga), Inma López, de viveiro O Rego, lembra as dificultades e os tempos que require a produción de plantas. “Os viveiros en Galicia ata hai uns anos centrábanse na produción de clons de castiñeiro orientados a madeira. Agora cambiou o mercado e hai máis demanda de castiñeiros para froito” , expón.

O mercado do castiñeiro centrábase ata hai pouco nas plantas para madeira. Os viveiros precisan tempo para adaptarse á actual demanda

“En castiñeiros de froito, vanse propoñer unha serie de híbridos como portaenxertos ou como produtores directos de castaña, pero telos a disposición da xente levará o seu tempo. Pensemos que son precisos 4 anos para ter unha planta nai en condicións de reprodución e 4 anos máis para optimizala. Falamos de 8 anos en total”, calcula a presidenta de Vifoga.

López advirte tamén de que parte dos híbridos aptos para produción forestal, dos que hai unha oferta suficiente nos viveiros, non se poden enxertar para castiñeiros de froito. Outro problema radica no tempo que se precisa para dispoñer de pugas de variedades autóctonas para enxertar. “Temos que plantar as plantas nai e ata dentro de 3 anos non disporemos de enxertos”, sinala Ramón Martínez, do viveiro O Pomariño.

Mesa da Castaña
O sector dos viveiros demanda unha maior presenza nas decisións de política forestal. “Temos a sensación de que non se conta con nós o que debera. Enfrontámonos ó reto de suministrar as plantas na cantidade que se nos demande, polo que as normativas e ordes de axudas hai que planificalas conxuntamente con nós. Tamén precisamos de seguridade no tempo e garantías de que os clons e as variedades das que agora se fala van ter demanda nun futuro”.

A presidenta de Vifoga avoga por unha pronta creación da Mesa da Castaña, anunciada hai meses pola Xunta, pois entende que é o foro axeitado para abordar estas cuestións.

Presentadas unhas 400 solicitudes ás subvencións

A orde de axudas para plantación de castiñeiros, publicada pola Xunta o pasado mes de xuño, aínda está pendente de resolución. O proceso dilatouse, en parte polo alto número de solicitantes, uns 400, segundo explicou nas xornadas Josefa Fernández, da Subdirección Xeral de Recursos Forestais. A Consellería está agora na fase de requerirlle ós solicitantes documentación que falta e que é subsanable. Despois procederá a establecer a prioridade das peticións de axuda segundo uns criterios obxectivos e publicará o listado de beneficiarios.

Dado o retraso do proceso, a xustificación das plantacións permitirase en principio ata o 15 de xuño do 2017, segundo sinalou a representante da Administración. En canto ás variedades incluidas na orde de axudas, desde a Xunta sinalan que están abertos ó diálogo para modificar convocatorias futuras, pois hai variedades con demanda comercial que non se incluíron este ano.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información