A certificación forestal medra en Galicia un 80% nos últimos 5 anos

Os sistemas de control da xestión do monte posibilitaron que as empresas madeireiras aumentasen as exportacións desde o inicio da crise

Publicidade
A certificación forestal medra en Galicia un 80% nos últimos 5 anos

Xornada de FSC en Santiago para promover a certificación forestal.

A facturación do sector forestal galego desplomouse desde o inicio da crise, no 2007, en torno a un 30 por cento; pero as empresas madeireiras foron sen embargo capaces de aumentar as súas exportacións nos últimos anos. Esa aparente contradicción de subir nas vendas ó exterior en plena caída do mercado doméstico explícase en parte polo impulso que está a rexistrar en Galicia a certificación forestal, unha ferramenta clave para o acceso da madeira e da pasta de papel ós mercados internacionais. Nos últimos 5 anos, a superficie forestal certificada na comunidade medrou nun 80%.

En Galicia operan dous sistemas de certificación forestal, o PEFC, consolidado desde hai máis dunha década, e o FSC, que está experimentando unha forte expansión nos últimos anos. Entre as dúas marcas suman na actualidade arredor de 180.000 hectáreas certificadas na comunidade, cando hai pouco máis de 5 anos, a finais do 2009, rondaban as 100.000.

O eucalipto para pasta de papel é o punto forte da certificación forestal. Ence paga máis por madeira FSC ou PEFC

Os sistemas de certificación forestal tratan de garantir unha xestión do monte que sexa ambientalmente sostible. Os propietarios que queren certificar os seus montes deben contar cun plan de xestión validado ben polo sistema PEFC, ben polo FSC, e someterse a auditorías de cumprimento. Esa certificación forestal permite que as empresas madeireiras e de pasta de papel poidan logo comercializar os seus produtos cos selos PEFC ou FSC, que nun inicio representaban un ‘plus’ de marketing e que hoxe en día son xa unha obriga para acceder a boa parte dos mercados internacionais.

Sobreprezo no eucalipto
Para o propietario, a certificación forestal representa inicialmente un custo, se ben á hora da venda da madeira, o certificado adoita xerar un valor engadido que supera ó gasto previo. Ence, por exemplo, paga un sobreprezo pola tonelada de eucalipto certificada con FSC de 6,5 euros e de 2,75 para a certificada con PEFC (segundo as últimas tarifas publicadas na súa web, correspondentes ó 2014).

O eucalipto para pasta de papel é precisamente o punto forte da certificación forestal, tanto en Galicia como no resto do mundo. O sistema FSC calcula que o 39% de todas as compras de madeira certificada a nivel mundial realízana as empresas papeleiras, en tanto outro 25% corresponderíase coas firmas de taboleiros e aserrado. “O eucalipto podemos dicir que é o produto estrela da certificación forestal, pero en Galicia tamén traballamos en piñeiros e noutras especies como bidueiros, castiñeiros ou carballos”, explica Marcos Estévez, técnico de FSC en Galicia, que onte interviu nunha xornada organizada por FSC en Santiago para promover a certificación forestal.

Montes de xestión pública
A maior parte da superficie forestal certificada correspóndese en Galicia con montes xestionados pola Xunta de Galicia a través de convenios ou consorcios con comunidades de montes veciñais. Das 180.000 hectáreas certificadas na comunidade, arredor de 100.000 hectáreas son montes de xestión pública co sistema PEFC. As outras 80.000 hectáreas repártense entre montes veciñais e pequenos propietarios particulares, 55.000 hectáreas no sistema PEFC e 29.000 no FSC.

Galicia é a quinta comunidade do Estado en hectáreas certificadas

Os grupos de xestión forestal promovidos polas asociacións de propietarios forestais e polas industrias experimentaron un especial impulso nos últimos anos, con casos nos que mesmo se promove a dobre certificación PEFC e FSC.

En PEFC pasouse dunhas 100.000 hectáreas certificadas no 2009 a unhas 155.000 na actualidade, en tanto en FSC das 2.000 hectáreas certificadas no 2009 chegouse ás 29.000 do 2015. Galicia é a segunda comunidade en certificación FSC en España, só por detrás de Andalucía.

Ranking español
En global, na suma das hectáreas certificadas con PEFC e FSC, Galicia sitúase no ranking español como quinta comunidade, cun 12% da súa superficie arborada baixo sistemas de control. En España, sobresae o caso de Castilla y León, con arredor dun 40% de súa superficie forestal certificada, unha porcentaxe similar á marcada no 2009 como obxectivo para Galicia pola patronal galega de empresas da madeira, Confemadera Galicia, que considera insuficientes os avances experimentados nos últimos anos, sobre todo en canto á certificación de montes de xestión pública.

Cadea de custodia
Os sistemas PEFC e FSC, ademais de auditar a xestión do monte, tamén operan a nivel industrial de cara a garantir a trazabilidade da madeira empregada. En Galicia, hai 199 industrias que contan co certificado PEFC e outras 114 que dispoñen do certificado FSC para a cadea de custodia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información