A Asociación Forestal de Galicia celebra a súa XXIX asemblea anual en Lugo

A Asociación Forestal de Galicia celebra a súa XXIX asemblea anual en Lugo

A AFG celebra este sábado a súa asemblea.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrará este sábado 20 de xuño na Escola Politécnica Superior da USC en Lugo a súa XXIX Asemblea Xeral anual. A este acto acudirán propietarios de montes e representantes de comunidades de montes veciñais en man común de toda Galicia. No transcurso da asemblea someterase a aprobación o informe económico e o informe de actividades da AFG.

O informe de actividades presentará o traballo deste último ano da Asociación Forestal de Galicia, que estivo centrado en tres eidos principais:

– A colaboración institucional co resto das organizacións sectoriais para solucionar os problemas máis acuciantes que afectan aos propietarios forestais galegos. A tramitación do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, a xestión da Rede Natura 2000, o modelo de prevención e control de incendios, a sanidade forestal e as normativas que dificultan a xestión forestal foron algúns dos temas nos que a Asociación traballou conxuntamente no último ano “de forma moi satisfactoria”, segundo a súa valoración.

– A prestación de servizos aos asociados no seu labor cotiá como silvicultores, dentro dos que este ano destacaron os traballos de planificación e certificación forestal. O obxectivo da AFG a medio prazo é que todos os seus socios poidan acceder de forma sinxela e económica á certificación forestal.

– O terceiro grupo de actividade foi a posta en marcha e participación de varios proxectos de I+D no eido da xestión forestal.

Outro dos temas que se abordará o sábado será tamén o Plan Forestal de Galicia. A principios deste ano iniciouse o proceso de revisión do mesmo e desde entón a AFG está traballando neste documento que definirá o modelo de monte galego nos vindeiros anos.

A situación actual e a previsión do mercado da madeira ocupará outro espazo destacado da Asamblea. En especial, farase fincapé na situación do prezo da madeira de eucalipto despois da baixada de prezos do ano pasado, segundo indica a Asociación.

De especial importancia neste momento, en valoración da AFG, é a sanidade forestal. O cancro do castiñeiro, o goniptero do eucalipto e o nematodo do piñeiro seguen sendo doenzas que están a afectar de maneira significativa óos montes galegos. Por outro lado, a presenza da avespa do castiñeiro nos soutos galegos está converténdose nun problema cada vez maior do que a Administración debe ocuparse con urxencia, segundo valora a entidade.

Na última parte da asemblea Antonio Rigueiro Rodríguez, vicepresidente da AFG e catedrático da USC, e Manuel Guaita Fernández, catedrático da USC, realizarán unha presentación dos proxectos de I+D promovidos pola AFG, algúns deles en colaboración coa USC.

A clausura da asemblea correrá a cargo de Javier Bueno Lema, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo da USC, despois da que se fará unha visita ao Laboratorio de Madeira da EPS. Na apertura tamén está prevista a participación da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

A xornada rematará cun almorzo na Casa Grande da Fervenza no Corgo e unha visita á Maderas Besteiro pola tarde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información