A asemblea de Fearmaga reitera as críticas a Medio Rural pola súa xestión forestal

A entidade demanda solucións para os problemas estruturais que minguan a competitividade do sector. Elier Ojea, reelixido por dous anos á fronte da Federación

A asemblea de Fearmaga reitera as críticas a Medio Rural pola súa xestión forestal

Comité executivo de Fearmaga.

A asemblea da Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga) acordou o pasado sábado denunciar o que entende como falta de medidas concretas da Consellería do Medio Rural para apoiar a competitividade das empresas do sector. A entidade, integrada en Confemadera Galicia, considera que existen reiterados incumprimentos da Administración autonómica coas empresas de aproveitamento forestal e os serradoiros galegos. Son críticas similares ás xa expostas por Confemadera esta primavera.

Na súa reunión anual, os empresarios de Fearmaga ratificaron a xestión realizada pola actual directiva e reelixiron a Elier Ojea como presidente da Federación durante os dous próximos anos. Ojea é tamén presidente de Confemadera Galicia.

Proliferación de ordenanzas municipais
As empresas demandan á Administración autonómica solucións para os principais problemas históricos que aseguran que minguan a súa competitividade. Un dos que suscita maior preocupación é a abundante lexislación que afecta á actividade no monte. Máis de 15 departamentos administrativos (de ámbito municipal, provincial, autonómico e estatal) teñen competencias sobre os aproveitamentos forestais, segundo Fearmaga, polo que o sector pide que clarifique, simplifique e axilice este marco administrativo.

Actualmente, 104 dos 314 municipios galegos teñen ordenanzas que gravan os aproveitamentos forestais. Fearmaga incide na necesidade de alcanzar unha solución consensuada que implique á Consellería do Medio Rural e á Fegamp.
Afección do nematodo do piñeiro

Outro asunto que preocupa aos serradoiros galegos radica nas medidas adoptadas tras a detección do nematodo do piñeiro en Ás Neves. Fearmaga sostén que tras cinco anos, os 6.000 propietarios forestais e os 40 serradoiros afectados polo brote do nematodo seguen asumindo unha serie de sobrecostes e de perdas de ingresos derivados das medidas fitosanitarias impostas pola Administración. A entidade considera demasiado restritivas as medidas decididas pola Xunta.

Fearmaga
A Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia representa preto de 500 empresas de aproveitamento forestal e serradoiros de Galicia. No 2014, o volume de curtas realizada nos montes galegos ascendeu a 7,5 millóns de metros cúbicos, o que supuxo que 70.000 propietarios forestais percibisen 280 millóns de euros pola venda da madeira. A facturación das empresas de aproveitamento forestal e dos serradoiros galegos ascendeu a 701 millóns de euros.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información