A Xunta reforza o control do uso de fitosanitarios no agro

A Xunta reforza o control do uso de fitosanitarios no agro

O Consello da Xunta aprobou este xoves un decreto da Consellería do Medio Rural que regula a inscrición e funcionamento do Rexistro Oficial de Produtores e Operadores (ROPO) de medios de defensa fitosanitaria. A norma seguirá agora o seu trámite ordinario, antes da súa entrada en vigor coa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Xunta regula mediante este decreto o devandito rexistro e o procedemento para a inscrición, modificación e cancelación, así como a súa estrutura e funcionamento, de acordo coa lexislación comunitaria e nacional. O ROPO é un rexistro nacional, que foi creado polo Real Decreto 1311/2012, do 14 de setembro.

O que fai agora Medio Rural é regular os procedementos de entrada e saída dos datos e adaptar a xestión que se fai desde Galicia deste rexistro consonte a dita normativa europea e española. A comercialización e uso de produtos fitosanitarios deben ser controlados pola Administración, de forma que se utilicen de xeito correcto e sustentable. Levar un control sobre os distintos operadores fai necesario contar cun sistema de rexistro, de tal forma que se poida ter un coñecemento tanto das empresas que poñen no mercado estas substancias como daquelas que as utilizan.

¿Quen ten a obriga de inscribirse neste rexistro?

Teñen a obriga de inscribirse neste rexistro todos aqueles operadores de medios de defensa fitosanitaria que estean incluídos nalgunha das catro seccións do ROPO.

Así, deben figurar as empresas e comerciais que subministren produtos fitosanitarios, as empresas que realizan tratamentos, as persoas cualificadas como asesores e os usuarios profesionais con carné básico, cualificado, fumigador ou piloto aplicador. A obriga de inscrición non afecta os operadores que comercialicen exclusivamente produtos fitosanitarios autorizados para usos non profesionais.

A inscrición no rexistro poderá realizarse por petición da persoa titular (ou representante) da actividade incluída no ámbito de aplicación deste decreto ou ben de oficio, pola propia Consellería do Medio Rural. No decreto explícanse tamén os requisitos e a documentación necesaria para efectuar a inscrición neste rexistro, segundo o tipo de operador de que se trate. Así, entre outras obrigas, establécese a de informar dos tipos e categoría toxicolóxica dos produtos que se van fabricar ou comercializar ou o de estar adherido a un sistema de xestión para a eliminación de envases baleiros de fitosanitarios (para o sector subministrador), ou copia do carné de manipulador (para o sector dos usuarios profesionais).

O prazo de validez da inscrición no rexistro é de 10 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información