A Xunta propón prorrogar as axudas agroambientais á custa de reducir os apoios á montaña

O comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) reunirase este mércores. Malestar no sector gandeiro polos cambios que baralla a Administración

A Xunta propón prorrogar as axudas agroambientais á custa de reducir os apoios á montaña

O remate previsto no 2019 – 2020 para as axudas agroambientais, das que se benefician arredor de 4.000 ganderías, maiormente produtores en extensivo de vacún de carne, constitúe unha preocupación de primeira orde para as granxas. Sen estas axudas, que poden rondar os 4.000 – 5.000 euros por beneficiario e ano, as ganderías ven comprometida a súa rendibilidade. A Xunta propón agora prorrogar a liña de agroambientais, pero á custa de reducir os fondos destinados a pagos compensatorios para zonas con limitacións naturais, o que afectaría tanto ás granxas da montaña como ás de áreas catalogadas como desfavorecidas.

A proposta da Xunta está a causar indignación nos últimos días entre o sector gandeiro, pois enténdese como un cambio de suma cero. O que se lle daría por un lado ás granxas coa prórroga das agroambientais quitaríaselle pola reducción das axudas a zonas con limitacións naturais, razónase entre as organizacións do agro.

“É unha proposta pouco seria. Se se persiste nesa liña, recurriremos ante a Comisión Europea” (Roberto García, Unións Agrarias)

A decisión sobre o que facer debatirase este mércores no comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, no que participan Xunta, Ministerio, Comisión Europea e representantes de colectivos agrarios, entre outros axentes. Será este comité o que aborde a modificación das partidas inicialmente presupostadas no Plan e que agora se queren redistribuír.

En números, a proposta da Xunta prevé aumentar o gasto en agroambientais en 23 millóns de euros, aos que hai que engadir 2 millóns de euros para agricultura ecolóxica, pero simultáneamente propón reducir os pagos compensatorios a zonas de montaña en 18 millóns de euros, en tanto que outras áreas con limitacións naturais verían reducidos os seus fondos en 4,4 millóns de euros de gasto total. A diminución dos pagos compensatorios afectaría en total a arredor de 12.000 explotacións, segundo as estimacións do sector.

Desde Unións Agrarias xa advertiron hoxe de que non aceptarán esa proposta. “É unha proposta que non ten sentido e que é pouco seria”, valora o secretario xeral de Unións, Roberto García, que compareceu en rolda de prensa en Lugo xunto a outros dous responsables da organización, Miguel Tomé (Sarria) e José Rodríguez (Lugo). “Se se persiste nesa liña, recurriremos ante a Comisión Europea”, advirte García.

Rolda de prensa de Unións, hoxe en Lugo.

Rolda de prensa de Unións, hoxe en Lugo.

O secretario xeral de Unións cuestiona tamén o alcance da prórroga das agroambientais. “Polos números que vemos, dá a impresión ademais de que a Xunta quere ampliar as agroambientais só por un ano, é dicir, para o ano electoral, cando se debería garantir a súa continuidade ata que entre en vigor a nova Política Agraria Común (PAC), cousa que non sucederá ata o 2022 ou 2023”, advirte Roberto García.

Unións teme que só se queiran ampliar as agroambientais para un ano, cando os fondos da nova PAC non chegarán antes do 2022 ou 2023

A prórroga das agroambientais por varios anos é viable, segundo a organización agraria, que apunta ó exemplo doutras comunidades, como Castilla y León, Andalucía ou Aragón. Unións calcula que no actual PDR 2014-2020 quedan arredor da metade de fondos pendentes de execución, “uns 600 millóns de euros”, concreta Roberto García. “Con arredor de 45 millóns de euros poderíanse ampliar as agroambientais por tres anos”, sostén. “Só hai que facer unha reprogramación axeitada”, defende.

A organización agraria lembra que no anterior PDR 2007-2013, a Xunta deixou sen executar 70 millóns de euros e pide que iso non volva a suceder. “Hai dous intereses pouco confesables para que non se amplíen as agroambientais” -denuncia Roberto García-. “Un, que a Xunta prefira devolver fondos a Bruxelas e queira aforrarse o 17,5% de fondos que ten que poñer, pois outro 75% vén de Bruxelas e un 8% do Ministerio; ou dous, que a Xunta queira financiar outras actuacións, como a prevención de incendios, con fondos do PDR, en lugar de destinar estes cartos a apoiar a ganderías que cumpren un papel fundamental á hora de manter cortalumes naturais arredor dos núcleos de poboación”.

Os cambios propostos pola Xunta para o PDR, que se abordarán este mércores na reunión do comité de seguemento do Plan, abarcan tamén outra serie de cuestións que serán debatidas na xornada de maña.

Eliminación de apoios para asesoramento ás explotacións

A preocupación existente pola ampliación das axudas agroambientais confírmana outros colectivos, coma a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. O seu presidente, Joan Alibés, sinala que están á espera de que a Xunta explique mañá como se queren ampliar as agroambientais. “Desde a nosa perspectiva, habería que facer esa ampliación de agroambientais e das axudas a zonas con limitacións naturais e a produtores en ecolóxico ata o 2022 incluído, pois non teremos nova PAC ata o 2023”, destaca Joan.

Outra das posibles modificacións do Plan de Desenvolvemento Rural que cuestiona a Sociedade Galega de Pastos é a reducción dos apoios ó asesoramento de explotacións (- 13,4 millóns de euros) e a servizos de substitución gandeiros ( – 2 millóns de euros).

A Sociedade Galega de Pastos lembra que Europa instou a financiar o 100% das axudas para previr os danos do lobo. Galicia acumula o 6% de tódolos lobos de Europa

“Se se elimina o asesoramento, suprímese unha das medidas prioritarias a nivel europeo na PAC, pois o asesoramento é fundamental para impulsar a mellora técnica das ganderías”, valora Joan, que tamén cuestiona a retirada dos fondos para servizos de substitución, “dados os problemas de man de obra existentes nas granxas de leite”.

Entre as organizacións do sector, hai coincidencia á hora de cuestionar a retirada de fondos para asesoramento. “Primeiro desmanteláronse as oficinas de Extensión Agraria e agora quere rematarse con todo asesoramento técnico”, critican desde Unións Agrarias.

Á falta de apoio ó asesoramento, Alibés engade a desatención ós centros de investigación públicos e os “enormes problemas” detectados na tramitación das axudas para actividades de transferencia tecnolóxica. “Máis que apoiar a innovación, este PDR vai en sentido contrario, ben o poderiamos chamar o PDR do descoñecemento”, reflexiona.

Prevención do lobo
Por último, desde a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes consideran que a modificación do PDR podería ser unha boa oportunidade para impulsar unhas axeitadas axudas para a prevención dos danos provocados polo lobo. O colectivo lembra que a Comisión Europea lle enviou unha carta a tódolos Estados Membros este ano para animalos a financiar o 100% das axudas de prevención de danos. Galicia é a comunidade de España con máis densidade de lobos e ten arredor dun 6% de tódolos lobos da Unión Europea.


ACTUALIZACIÓN (14-XI-2019)
Amplíanse as axudas agroambientais ó 2020 pero elimínase o apoio ó asesoramento.

Una idea sobre “A Xunta propón prorrogar as axudas agroambientais á custa de reducir os apoios á montaña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información