A Xunta pedirá a Montoro unha redución do IRPF para viticultores e produtores de castaña

A Xunta pedirá a Montoro unha redución do IRPF para viticultores e produtores de castaña

A Consellería do Medio Rural demandaralle ao Ministerio de Hacienda unha redución nos módulos do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas IRPF para os agricultores afectados polas xeadas e a saraiba deste ano.

En concreto, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez solicitará ao Goberno que a declaración da Renda do ano 2018 contemple reducións nos módulos do IRPF -e por tanto da base impoñible derivada dos rendementos- pasando do 0,18 ao 0,13 para os produtores de cultivos afectados pola saraiba e polas xeadas: viñedo, castiñeiros e árbores froiteiras.

Así o adiantou este mércores a conselleira do Medio Rural no Parlamento de Galicia en resposta a unha interpelación da deputada do PsdeG-PSOE, Noela Blanco. A parlamentaria socialista reclamoulle á conselleira que estableza axudas directas para os agricultores e gandeiros afectados pola seca e as inclemencias climáticas deste ano, xeadas de finais de abril e saraibada en agosto.

Noela Blanco lembrou que esta adversa climatoloxía está a afectar especialmente á provincia de Ourense, “con perdas que, segundo o sindicato Unións Agrarias, roldan os 14,5 millóns de euros para os produtores”. Ademais, advertiu das graves dificultades dos gandeiros do oriente de Ourense -unha delegación dos cales se atopaba como público no parlamento- para atopar auga e forraxe para o gando.

Liñas de axuda da Consellería

Na súa resposta, a conselleira do Medio Rural defendeu a actuación do seu departamento, subliñando que “en todo o momento estivemos en contacto cos colectivos afectados” polas adversidades climáticas.

Así, destacou que tras as xeadas de abril, a Consellería do Medio Rural, a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), difundiu un protocolo con instrucións técnicas para tratar o viñedo tras as xeadas, así como charlas nas distintas Denominacións de Orixe e na propia Evega.

Igualmente, destacou que dentro da convocatoria de axudas para reconversión de viñedo deste ano, dotadas con 1,4 millóns de euros, deuse prioridade a aquelas zonas danadas polas xeadas de abril, en concreto con 8 puntos, a maior puntuación á hora de avaliar os proxectos presentados.

En canto aos seguros agrarios, unha materia pendente en Galicia, Ángeles Vázquez, destacou que a Consellería “incrementou na maioría dos casos -viticultura, castaña e pataca- a subvención aos seguros ata o 40%, da póliza”, de xeito que a Xunta compensou a baixada de 10 puntos da axuda do Ministerio de Agricultura.

Por último, a titular de Medio Rural destacou a liña de axudas do IGAPE, por importe de 500.000 euros, para facilitar o acceso das explotacións agrarias afectadas polas xeadas e sarabias deste ano a préstamos bonificados, a custo cero, para financiamento de circulante ou refinanciamento de pasivos.

Noela Blanco (PSdeG) : “Só hai axudas directas en anos electorais”

A resposta da conselleira non convenceu á deputada socialista, que volveu reclamar axudas directas aos produtores afectados pola xeada, a seca e a saraiba. “Conceder axudas directas é máis doado, pero os políticos debemos ser prudentes”, respondeulle a conselleira Ángeles Vázquez. “Podemos concluír que o ano pasado vostede foi imprudente e que só hai axudas directas en anos electorais, pois o ano pasado si que a Consellería concedeu axudas directas aos viticultores da Ribeira Sacra que sufriron danos nos seus viñedos pola saraiba”, retrucoulle a deputada do PsdeG-PSOE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información