A Xunta loitará porque Galicia manteña as axudas actuais na futura PAC

A Xunta loitará porque Galicia manteña as axudas actuais na futura PAC

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, xunto co director xeral de de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, acompaña aos membros da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións na súa visita á explotación gandeira Sociedad Entreaugas, na parroquia de Fisteus. Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, trasladou este mércores aos membros da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións, de visita en Galicia invitados pola Xunta, as prioridades da comunidade con respecto á futura PAC máis alá do 2020 e, en xeral, sobre as liñas fundamentais das políticas comunitarias en relación co agro, atendendo á singularidade do territorio galego en canto á produción de leite e á base territorial.

Así, a conselleira incidiu na importancia que ten o mantemento no futuro dos dous piares da PAC (pagos directos a explotacións e política de desenvolvemento rural). Trátase, segundo explicou Ángeles Vázquez, “de, polo menos, que contemos cos mesmos recursos que tiñamos ata agora”.

Ao tempo, a conselleira transmitiu outras demandas de Galicia en relación coa PAC, como é a súa necesaria simplificación ou o mantemento dos apoios á incorporación de mozos, e lembrou os esforzos realizados pola Xunta para acadar a aplicación de medidas especialmente orientadas cara o sector lácteo, entre elas o cambio do período de verificación dos cultivos.

“A futura PAC apoiará máis aos agricultores e aos gandeiros activos”

Pola súa parte, un representante da Comisión de Recursos Naturais avanzou que a futura PAC “ten que apoiar máis aos gandeiros e aos agricultores activos, e non aos propietarios de terras”. Ademais, situou como obxectivos de futuro da política agraria europea lograr un sector máis competitivo, pero tamén que prime a calidade dos produtos e o seu carácter saudable para os consumidores.

Visita a unha gandería e a unha queixería

Para coñecer a realidade do sector lácteo galego, a delegación visitou a explotación gandeira Sociedad Entreaugas, situada na parroquia de Fisteus, no concello coruñés de Curtis, e queixería Queizuar, na parroquia de Bama, no concello de Touro.

En total son 11 os membros deste organismo (coñecido como Comisión NAT) presentes este mércores en Galicia, procedentes de países tan diversos como Irlanda, Polonia, Estonia, Luxemburgo, Italia, Letonia, Romanía, Reino Unido ou Grecia.

A súa estadía en Galicia coincide cun momento de debate e negociación, no seo das institucións comunitarias, arredor da futura PAC despois do 2020, polo que resulta moi oportuna para sensibilizalos sobre o impacto das políticas agrícolas da UE no plano rexional en comunidades como Galicia, nas que o agro e o sector lácteo teñen un peso moi especial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información