A Xunta incrementará o vindeiro ano nun 8% as axudas á contratación de seguros agrarios e gandeiros

Sen embargo, os sindicatos agrarios advirten de que case a metade se destina ao seguro de retirada de cadáveres e que non se compensa a baixada de 10 puntos na subvención de Enesa. Critican tamén que non hai máis cartos para seguro de viñedo e que non se cambiaron as pólizas para adaptalas a Galicia.

A Xunta incrementará o vindeiro ano nun 8% as axudas á contratación de seguros agrarios e gandeiros

A gran maioría das pólizas son de vacas nutrices

A Xunta destinará no 2018 un total de cinco millóns de euros ás axudas para a contratación de seguros agrarios por parte dos agricultores e gandeiros galegos, ata situarse nos 5 millóns de euros. Así consta nun informe da Consellería do Medio Rural presentado este xoves no Consello da Xunta, no que tamén se destaca que “este importe é o máis elevado dos últimos cinco anos e increméntase nun 8 % con respecto ao 2017”.

Sen embargo, dende as organizacións agrarias advirten de que esta suba é claramente insuficiente porque non compensa a baixada das subvencións de Enesa e ocúltase que 2,5 millóns van para axudas á taxa de retirada de animais mortos, o que non é un seguro. Critican tamén que non se destine máis diñeiro para fomentar a contratación de seguros en viñedo.

As axudas á contratación de seguros tramitaranse por medio do convenio subscrito pola Consellería do Medio Rural e Agroseguro (Agrupación Española de Entidades Aseguradoras de Seguros Agrarios Combinados).

Deste xeito, a formalización da póliza ou contrato de seguro pola persoa asegurada considerarase solicitude de axuda e neste momento ao agricultor ou gandeiro xa se lle desconta o importe correspondente á subvención do Ministerio e da Xunta. Desta forma, só paga o importe que lle corresponde ao beneficiario. Posteriormente, Medio Rural liquida con Agroseguro as cantidades debidas polas pólizas contratadas.

No 2016 (último dato dispoñible) contratáronse en Galicia un total de 53.511 pólizas de seguros agrarios, cunha superficie asegurada que superou as 10.000 hectáreas. O número de animais asegurados achegouse aos 25 millóns e o capital asegurado acadou os 609 millóns de euros.

As organizacións agrarias critican que as axudas parar contratar seguros agrarios e gandeiros son insuficientes e non compensan a baixada do Ministerio

Sen embargo, dende Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, considera “unha falacia falar de 5 millóns de axudas para seguros agrarios, cando a cifra real son 2,5 millóns, pois a metade desa partida destínase á taxa de recollida de cadáveres, que non é un seguro, e que segue sendo unha obriga que ninguén revisou dende a época das vacas tolas”.

A propia Consellería do Medio Rural recoñece que no ano 2016 “a maioría das pólizas (máis do 90 %) corresponderon á liña de seguros de retirada, transporte e destrución de animais mortos nas explotacións agrarias, e do, resto, arredor do 8 % refírese a pólizas de seguros de producións gandeiras, 4.282 pólizas en total, con 1,6 millóns de animais asegurados e un valor da produción cuberta de 443 millóns de euros”.

Roberto García (Unións): “Nin se fixeron cambios nos seguros para viñedo nin hai máis axudas para contratar seguros”

Ademais, dende Unións critican que “apenas aumentan as axudas para a contratación de seguros agrarios en viñedo, que o ano pasado sumaban 40.000 euros e este ano anda polos 70.000 euros”.
“O Goberno da Xunta negouse a conceder axudas aos viticultores afectados polas xeadas e a saraiba coa escusa de que todo se ía resolver coas axudas á contratación de seguros. Pero a realidade é que nin aumentaron as axudas nin fixeron os cambios nas pólizas para que se adaptaran á realidade da viticultura en Galicia, polo que se o ano que ven volve haber desastres climatolóxicos, a inmensa maioría dos viticultores galegos non van ter a produción asegurada”, explica Roberto García.

Entre os cambios solicitados por Unións Agrarias pero que non se aprobaron na mesa sectorial convocada pola Consellería do Medio Rural para mellorar a contratación de seguros en viñedo, destacan que segue sen aplicarse a rebaixa do 11% na contratación a aqueles viticultores a tempo parcial (o 95% dos que hai en Galicia, segundo Unións), que sigan excluídos das bonificacións os primeiros 75 euros ou que non se poda contratar o seguro para só as parcelas con máis risco.

Ana Eiras (Slg): “A suba non compensa a baixada da subvención de Enesa”

Ante esta situación, Roberto García anuncia que “dende Unións imos levar ao debate no Parlamento Galego a Iniciativa Lexislativa Popular, tras recoller as sinaturas necesarias, para que se dean axudas directas aos viticultores afectados polas xeadas e as saraibas deste ano e se cambien as pólizas para adaptadas á nosa realidade”.

Pola súa parte, Ana Eiras, responsable de Seguros Agrarios do Sindicato Labrego Galego, advirte de que “o incremento do 8% nas axudas de Medio Rural segue sendo claramente insuficiente para compensar a baixa de 10 puntos nas subvencións do Ministerio a través de Enesa, así como o encarecemento das pólizas, sobre todo en viticultura, a raíz da sinistralidade climatolóxica dos últimos 3 anos”.

En canto aos seguros para o sector gandeiro, Ana Eiras subliña que “aínda que a contratación de póliza básica é asumible, engadir contratacións a maiores como garantía adicional para asegurar accidentes individuais encarece bastante a póliza”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información