A Xunta estudará con Asturias fórmulas para axilizar o pago das axudas da PAC nos concellos limítrofes

A Xunta estudará con Asturias fórmulas para axilizar o pago das axudas da PAC nos concellos limítrofes

Aldeas da Fonsagrada están divididas entre Galicia e Asturias, o que dificulta o cobro da PAC

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, adiantou que a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, solicitará unha xuntanza bilateral co seu departamento homólogo de Asturias, co obxecto de estudar fórmulas que axilicen o pago das axudas da PAC cando afecta a zonas limítrofes con esta comunidade autónoma.

Nestes espazos lindeiros, nos que un mesmo gandeiro pode ser titular de varias fincas situadas en distintas comunidades autónomas, o procedemento para tramitar as axudas da PAC é máis complexo, como consecuencia da necesidade de intercambiar información entre distintas administracións autonómicas para comprobar, nos pagos por xestión de superficies, que non haxa duplicidades na declaración de parcelas (unha mesma parcela declarada por mais dun solicitante).

Neste sentido, dende o goberno galego aseguran que “a Xunta impulsa o diálogo entre ambas administracións para lograr que o procedemento sexa máis eficiente nos próximos pagos”.

Precisamente esta foi unha das cuestións que lle trasladaron os gandeiros ao delegado territorial co gallo da última xuntanza organizada por Medio Rural na Fonsagrada, na que se estudaron as novidades nas axudas da Política Agraria Común.

Concentración parcelaria en Friol

Por outra parte, a Consellería do Medio Rural está a impulsar a reestruturación parcelaria en Friol, de acordo cos veciños e as autoridades municipais deste concello lugués. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez traballa na zona de San Xoán de Seoane da Pregación, elaborando os documentos previos necesarios para que este proceso de concentración poida ser declarado de utilidade pública. Este é un trámite preciso para continuar coa devandita reestruturación.

No termo municipal de Friol están xa rematados tres procesos. Trátase dos correspondentes ás zonas de Burgo de Negral, con 571 hectáreas e 95 propietarios; Gándara-Fraga de Carballo, con 93 ha e 6 propietarios e Marcela-Silvela, con 282 ha e 27 propietarios. Así pois, a superficie total concentrada neste concello acada case as mil hectáreas de terreo, con 128 propietarios.

Medio Rural iniciou en toda Galicia traballos de infraestruturas rurais correspondentes a 18 zonas (18.000 ha e 14.000 propietarios) e traballa co obxectivo de pechar no ano 2020 os 130 procesos abertos de reestruturación parcelaria, que afectan a 117.000 hectáreas e a preto de 92.000 propietarios, así como de iniciar outros novos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información