A Xunta estuda realizar 11 concentracións parcelarias en Agolada para 6.000 hectáreas

A Xunta estuda realizar 11 concentracións parcelarias en Agolada para 6.000 hectáreas

O conselleiro José González na súa visita a Agolada

A Consellería do Medio Rural asegura que traballa para rematar administrativamente os 107 procesos de reestruturación parcelaria abertos en Galicia, co obxectivo de que cheguen á fase de acordo firme. Así o explicou este venres pola tarde o titular deste departamento, José González, durante a súa visita a Agolada para coñecer sobre o terreo futuras zonas de actuación neste municipio pontevedrés.

O conselleiro sinalou que a Xunta está a avaliar as 11 solicitudes de reestruturación parcelaria presentadas recentemente polo concello de Agolada, que corresponderían con actuacións en 11 parroquias nun total de case 6.000 novas hectáreas. Estas novas peticións están en fase de estudo, para determinar a súa adecuación ao establecido na Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga), no que fai referencia á iniciativa e a os obxectivos xerais da reestruturación.

Actualmente xa foron tramitados e rematados os expedientes de traballos previos topográficos e ambientais da zona de Agra-Seixo-Val-Baíña e das parroquias do Sexo, A Baíña, Berredo, Basadre, Eidián e Ramil.

O titular de Medio Rural, que estivo acompañado nesta visita polos directores xerais de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Agolada, Ramiro Varela, e percorreu despois varias das zonas integradas nestes procesos.

No caso concreto de Agolada, este concello ten unha superficie que se aproxima aos 150 quilómetros cadrados, distribuídos en 24 parroquias. Ata o de agora rematáronse xa 13 zonas de reestruturación no seu territorio, que suman un total de 5.323 hectáreas, o que supón un 36 % da superficie municipal.

Tras esta estadía en Agolada, o conselleiro e os directores xerais desprazaranse ata Vila de Cruces, co fin de manter unha xuntanza con agricultores e gandeiros para abordar tamén a reestruturación parcelaria na zona.

Nesta visita ao Deza o conselleiro insistiu na importancia estratéxica que ten para a Xunta a recuperación e posta en valor de terras, algo que se vai impulsar con diferentes medidas de fomento e de carácter normativo. Entre estas últimas, salientou a futura lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias, que habilitará diversos instrumentos para mobilizar os terreos, na liña de agrupar, concentrar e orientar os recursos para optimizalos e mellorar a rendibilidade e competitividade das explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información