A Xunta encomenda a Tragsatec a campaña de saneamento gandeiro de 2018 por 7,5 millóns

A Xunta encomenda a Tragsatec a campaña de saneamento gandeiro de 2018 por 7,5 millóns

O Consello da Xunta aprobou este xoves encomendar á empresa pública Tragsatec os traballos da campaña de saneamento gandeiro de 2018 por un importe de 7,5 millóns de euros.

Estas actuacións perseguen manter a cualificación sanitaria das explotacións gandeiras, así como o desenvolvemento de diferentes plans de vixilancia de enfermidades e de medidas de limpeza e desinfección das granxas en que se detectan animais enfermos e dos vehículos de transporte das reses. Estes fondos destinaranse, ademais, a sufragar o plan de control en relación coa vespa velutina.

O desenvolvemento dos programas nacionais de erradicación ten como finalidade a cualificación sanitaria das explotacións, segundo o establecido na normativa estatal e comunitaria, asegurando o mantemento do status sanitario de Galicia e a comercialización sen trabas dos produtos de orixe animal.

O obxectivo é declarar a Galicia como rexión indemne de tuberculose bovina

Ademais, tras a declaración de Galicia como rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa e de brucelose bovina, o obxectivo agora é acadar a mesma declaración, canto antes, para a tuberculose bovina. O feito de consolidar estes status sanitarios impedirá que exista calquera tipo de traba á comercialización de animais e produtos e permitirá rebaixar as actuacións sanitarias que se realicen nas explotacións galegas.

No caso do programa de erradicación da tuberculose bovina, no ano 2016 (último dato dispoñible) visitáronse un total de 37.932 rabaños e foron revisados 829.696 animais. Para controlar a brucelose bovina visitouse o mesmo número de rabaños, sendo revisados 679.342 animais. No que atinxe á brucelose ovina e cabrúa, o número total de rabaños visitados ascendeu de 20.791, sendo revisados un total de 76.367 animais. Por outra banda, no programa nacional de vixilancia da leucose enzoótica bovina e da perineumonía contaxiosa bovina, a cifra de rabaños visitados foi idéntica aos da tuberculose e a brucelose bovinas (37.932). Os animais revisados foron 27.301. Nestes casos é lóxico que o número sexa inferior, xa que Galicia é libre destas doenzas, polo que se está en fase de vixilancia.

Por último, canto á vixilancia sanitaria na fauna silvestre, a cantidade de mostras é variable, en función das comunicacións que fagan os Tecor colaboradores do plan, pero está arredor das 300 mostras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información