A Xunta destaca que en dous anos se incorporaron 1.100 persoas ao sector agrogandeiro

Publicidade
A Xunta destaca que en dous anos se incorporaron 1.100 persoas ao sector agrogandeiro

Ángeles Vázquez na xornada de Silleda para xente nova que se incorporou ao agro

A Consellería do Medio Rural destaca que “en só dous anos acadamos a metade de incorporacións de mozos ao agro do total previsto polo Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para 2023”. “Se o PDR tiña por obxectivo que 2.200 persoas novas se incorporasen a unha explotación unha vez finalizado o programa, Galicia conseguiu entre 2016 e 2017 chegar aos 1.100 mozos, é dicir, o 50% do obxectivo está acadado a seis anos de que remate o prazo”, salientan dende a Conselería.

Estes datos foron facilitados pola conselleira Ángeles Vázquez nunha xornada de formación este luns en Silleda, dedicada precisamente aos mozos que recibiron axudas de incorporación no último exercicio.

En total, neste bienio investíronse preto de 40 millóns de euros nestas subvencións (cofinanciados nun 75% polo Feader) co obxectivo de garantir a remuda xeracional no rural galego.

Ángeles Vázquez profundizou tamén nos perfís dos investimentos desta última convocatoria de axudas. Así, indicou que o 32% das solicitudes están orientadas ao lácteo e o 26% ao vacún de carne. O resto divídese en ámbitos moi diferentes, dende o sector avícola e porcino, aos enxames, as patacas e cereais, ao viñedo, produtos da horta, etc. “Isto é así porque o noso rural ofrece un amplo e variado abano de posibilidades a todos aqueles que sexan quen de apostar por el”, declarou Ángeles Vázquez.

Xornada divulgativa

Máis dun centenar de mozos receptores destas axudas acudiron á Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, para prepararse para a súa profesión. A través desta xornada divulgativa explícaselles aos novos agricultores e gandeiros cuestións de interese para o desenvolvemento da súa actividade dende diferentes ámbitos como a tributación e fiscalidade, os seguros agrarios e as axudas que teñen á súa disposición entre outros.

Ademais, os beneficiarios destas subvencións están obrigados a recibir formación oficial correspondente coa orientación produtiva solicitada, salvo no caso de que teñan convalidados os seus estudos co curso de incorporación. Este tipo de formación é ofertada pola propia Consellería do Medio Rural a través de cursos presenciais e, dende fai un ano, tamén de carácter telemático.

Porén, dende as organizacións agrarias veñen demandando cuestións para as axudas de incorporación como un tratamento fiscal menos lesivo por parte da Agencia Tributaria ou que haxa un acompañamento por parte da Administración para que as incorporacións sexan realmente efectivas e continúen con éxito ao cabo do prazo dos 5 anos aos que obrigan as axudas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información