A Xunta confía que este ano se invirta a perda dun 14% de beneficiarios das PAC dos últimos anos

Segundo datos do Ministerio entre o 2013 e o 2016 descendeu nun 14% o número de solicitantes de axudas directas da PAC en Galicia. A Consellería do Medio Rural atribúeo fundamentalmente ás fusións de explotacións e á falta de relevo xeracional

A Xunta confía que este ano se invirta a perda dun 14% de beneficiarios das PAC dos últimos anos

Rabaño de ovellas de Beealia

A Consellería do Medio Rural confía en que na convocatoria de axudas da PAC de 2017 se recupere o descenso no número de beneficiarios que se produciu en Galicia durante os últimos anos.

En concreto, o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez prevé que na convocatoria 2017 haxa na Comunidade uns 33.000 beneficiarios dos pagos directos da PAC, por un importe aproximado de 190 millóns de euros.

Datos dos pagos directos (primeiro piar) da PAC: 

2014-15

2015-16

2016-17

2017-18

Beneficiarios

33.498

31.398

31.697*

33.000**

Importe a aboar

161775117

170849527

170.000.000 aprox*

190.000.000 aprox.**

Importes medios

4829,4

5441,41

*Os datos de 2016-17 son de solicitudes, non de beneficiarios, porque aínda se está en fase de pagos. Tamén pode variar, por tanto, o importe a pagar.

**Os datos de 2017-18 son previsións acordes con exercicios anteriores.

Fonte: Consellería do Medio Rural

Este incremento do número de beneficiarios da PAC no 2017 atribúeo a Consellería fundamentalmente ás 618 axudas de incorporación aprobadas en 2016.

Entre 2013 e 2016 baixaron un 14% as solicitudes da PAC en Galicia

En canto á evolución no número de perceptores da PAC en Galicia, o Ministerio de Agricultura informou nunha recente resposta á deputada socialista galega, Margarita Pérez Herráiz, de que entre 2013 e 2016 baixaron un 14% -unhas 5.000 menos- as solicitudes da PAC na Comunidade, ao pasar de 36.460 solicitudes presentadas a 31.583.

“Esta redución, que se produciu de forma paralela no resto de España, débese en gran parte á aplicación dos novos conceptos de agricultor activo e actividade agraria que en 2015 se estableceron por Real Decreto”, que estableceu un mínimo de 300 euros anuais para ter dereito á axuda.

Pola súa parte, dende a Consellería do Medio Rural atribúen a variación entre un ano e outro “fundamentalmente, debido ás fusións de explotacións e ás xubilacións dos titulares sen remuda xeracional”. Como proba diso lembran que “os importes das achegas aumentan, tanto se miramos a media que se leva cada beneficiario, xa que a súa explotación e a súa base territorial é maior, como os orzamentos totais”.

“Tamén hai que destacar -engaden- que hai maiores esixencias relacionadas co agricultor activo/actividade agraria encamiñadas a orientar estas axudas aos verdadeiros profesionais da agricultura”.

Pregunta no Parlamento de Galicia

A evolución do número de perceptores da PAC ven de ser trasladada ao Parlamento Galego polo deputado de En Marea, Antón Sánchez, quen atribúe o descenso tamén “á eliminación das axudas a pastos arbustivos”.

“Falamos de que perdemos 5.000 beneficiarios da PAC en Galicia no período 2013/2016, unha cantidade moi significativa e que merece unha análise e avaliación por parte do Goberno da Xunta de Galiza”, advirte o deputado.

Ante esta situación, o representante de En Marea pregúntalle á Xunta se “ten analizado cales son os factores que inflúen nesta perda de perceptores de axudas e a intensidade da influencia de cada factor”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información