A Xunta comprométese a incrementar o importe das axudas por danos do lobo

A Xunta comprométese a incrementar o importe das axudas por danos do lobo

Xovenca morta polo ataque do lobo en Rodeiro

A Xunta de Galicia comprométese a revisar este ano os baremos das indemnizacións por danos do lobo no gando para incrementar o importe que se lle paga aos gandeiros.

Así o anunciou este xoves a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes do Parlamento Galego, en resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Xosé Luis Rivas.

“Estou de acordo en que os actuais baremos, a pesar de que son entre un 20 e un 30% superiores aos do Ministerio de Agricultura por baleiro sanitario, non compensan os danos, sobre todo o lucro cesante polo estrés que provocan os ataques no gando que sobrevive”, recoñeceu Ana María Díaz.

Neste sentido, avanzou que “en colaboración coa Consellería do Medio Rural e as organizacións agrarias, comprometémonos a revisalos este ano para lograr uns baremos máis xustos”.

En canto aos atrasos nos pagos das axudas aos gandeiros, a directora xeral de Patrimonio Natural recoñeceu “cando chegamos hai dous anos é certo que había un atraso”. Non obstante, explicou que “grazas a unha ampliación en 380.000 euros das axudas, imos rematar de pagar os danos sen cubrir do 2016 e cubrir as de 2017”.

Os gandeiros só pediron 260.000 euros dos 400.000 de axudas que había en 2016 para medidas de prevención

Ademais, a representante do Goberno galego subliñou que “a estratexia da Xunta de cara ao futuro pasa por potenciar as medidas de prevención dos ataques do lobo fronte ás indemnizacións”.

Neste sentido, Ana María Díaz recordou que en outubro do pasado ano a Consellería de Medioambiente publicou unha liña de axudas para medidas de prevención dos ataques do lobo e do xabarín, fundamentalmente sistemas de peches eléctricos e para a compra de mastíns. “Sen embargo, dos 400.000 euros da liña de axudas, só puidemos adxudicar 260.000”, por falta de solicitudes.

A este respecto, a responsable de Patrimonio Natural amosouse convencida de que na convocatoria deste ano “vaise cubrir todo o orzamento”.

Nas 75 batidas autorizadas dende 2006 en Galicia só se cazaron 17 lobos

Por último, Ana María Díaz ofreceu datos que revelan a falta de eficacia das batidas de lobos en Galicia, unha medida excepcional contemplada no Plan de Xestión do Lobo cando nunha zona a media de danos e de avisos por ataques do lobo ao gando supere a media.

Así, nas 75 monterías e batidas autorizadas pola Xunta de Galicia dende o ano 2006 soamente foron cazados 19 lobos.

“Imos incidir cada vez máis nas medidas de prevención para que os gandeiros non teñan que soportar os danos dun animal que é necesario para o equilibrio ecolóxico na nosa comunidade”, concluíu Ana María Díaz.

Pola súa parte, o deputado do Bloque Nacionalista Galego coincidiu en que “soamente coa prevención se pode lograr que os gandeiros saúden a presenza do lobo”, e defendeu “indemnizacións xustas” para compensar os danos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información