A Xunta axilizará as autorizacións de batidas por danos do xabaril

A Xunta axilizará as autorizacións de batidas por danos do xabaril

Reunión entre Belén do Campo e a Federación Galega de Caza

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Federación Galega de Caza (FGC) colaborarán para facer un seguimento e mellorar a coordinación entre ambas partes con relación ás autorizacións de batidas extraordinarias por danos causados por xabarís. Así o acordaron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e representantes da FGC no marco dunha das súas xuntanzas periódicas para analizar a problemática derivada da sobreabundacia desta especie silvestre na comunidade.

Do Campo e os representantes do sector cinexético coincidiron na necesidade de axilizar o procedemento para autorizar a organización de batidas fóra do período hábil de caza do xabaril en zonas nas que se poida acreditar danos sobre explotacións gandeiras ou agrícolas causados por esta especie.

De feito, a directora xeral de Patrimonio Natural lembroulles que “a nivel administrativo xa se teñen dado instrucións para mellorar e acelerar a tramitación deste tipo de solicitudes, co fin de resolvelas canto antes”. Desde a FGC, pola súa parte, amosaron a súa plena disposición “a seguir colaborando no control poboacional do xabaril e mediar cos Tecores para facilitar o máximo posible a realización destas batidas extraordinarias”.

O acordo aplicarase nas zonas con maior problemática polos danos do xabaril na agricultura

Este novo acordo acadado entre a Consellería de Medio Ambiente e a FGC centrarase especialmente naquelas zonas de Galicia máis afectadas por esta problemática e hai que enmarcalo na liña de diálogo que mantén a Xunta desde hai anos co sector cinexético con relación a este problema.

“Así, cómpre lembrar que na resolución publicada o pasado mes de maio e pola que se determinan as épocas hábiles de caza e as medidas especiais de control de danos, estendeuse por un mes máis o período oficial para poder cazar xabarís. Esta ampliación foi proposta polos catro comités provinciais do sector cinexético durante a última reunión do Comité Galego de Caza en resposta á actual sobreabundancia de xabarís e como mostra da disposición do sector a seguir contribuíndo ao seu control poboacional”, sinalan dende a Consellería.

Da mesma maneira, nesta orde tamén se prevé a xestión cinexética do xabaril nos vedados de caza durante a época hábil, co fin de optimizar o esforzo da caza sobre o aproveitamento e o control desta especie.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información