A Xunta aproba o pago das axudas para a compra de maquinaria agrícola en común

A Xunta aproba o pago das axudas para a compra de maquinaria agrícola en común

Maquinaria da cooperativa Cobideza

A Consellería do Medio Rural trasladou este venres dous informes ao Consello da Xunta polos cales se investirán 6,3 millóns de euros no rural galego a través de dúas ordes de axudas que pretenden fomentar o cooperativismo e asociacionismo no campo a través da compra de maquinaria e da execución de proxectos para instalacións e equipamentos que se utilizarán de forma colectiva.

En concreto, a Consellería do Medio Rural aprobou un primeiro pago da orde de axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014. Esta primeira achega supera os 2,6 millóns de euros, destinados a 32 entidades que xa xustificaron os pagos a día de hoxe. Ao longo deste mes de decembro esta contribución chegará ata os 3,5 millóns de euros, cando outras 9 entidades, ás que se lles concedeu unha prórroga, teñen previsto xustificar a súa compra.

Axudas para instalacións e equipamentos en común

Doutra banda, tamén se deu conta ao Consello da Xunta da resolución da orde de axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas igualmente co Feader a través do PDR 2014-2020. Neste caso, a achega ascende a 2,8 millóns de euros para 16 entidades. A maioría de solicitantes reclamaron a achega para almacéns de maquinaria ou materias primas, para naves de diverso tipo de gando e instalacións que melloran as labores propias das explotacións.

Estas axudas traduciranse nun investimento total no rural de 5,6 millóns de euros, xa que as achegas, aínda que varían segundo o proxectos, representan entre o 40% dos custos elixibles ata o 70% do investimento total do proxecto.

Ambas ordes van dirixidas a cooperativas agrarias, de explotación comunitaria da terra e de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), así como ás Sociedades Agrarias de Transformación. A través desta contribución a Xunta de Galicia apoia os sistemas de explotación asociativa con fins agrarios co obxectivo de facer un uso máis racional dos factores de produción. Ademais, favorécese a introdución de novas tecnoloxías no campo, algo crucial para garantir un futuro sostible, pero que en moitos casos sería imposible de incorporar sen unha axuda debido aos altos custos.

8 millóns en 2017 para a promoción dos produtos agroalimentarios galegos

Por outra parte, a Xunta reforzará en 2017 a promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada, entre eles de xeito especial os viños. Así llelo trasladou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, aos responsables dos 5 consellos reguladores de viños de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), cos que se reuniu este venres en Santiago.

A conselleira explicou que o capítulo dedicado á promoción nos orzamentos do vindeiro ano terá un montante próximo aos 8 millóns de euros, medrando tanto a partida correspondente ás accións que executa directamente Medio Rural como a destinada a apoiar actividades realizadas polos consellos reguladores ou asociacións sectoriais.

No primeiro caso –accións directas da Consellería–, o presuposto increméntase en case un 35% ata superar os 800.000 euros. Destinaranse a campañas publicitarias, asistencia a feiras e organización de diferentes eventos, como as catas dos viños, augardentes, queixos e meles. No que atinxe ao apoio aos consellos reguladores, o incremento sitúase no 32% en relación coa partida de 2016, sendo a achega total para 2017 de 3,5 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información