A Xunta anuncia un plan de formación e emprendemento no rural

A Consellería de Economía destina 30 millóns de euros ó programa. A iniciativa, que inclúe os tradicionais obradoiros de emprego, pretende chegar a 13.000 persoas

A Xunta anuncia un plan de formación e emprendemento no rural

Imaxe do Consello da Xunta de hoxe, no que se anunciou o plan.

A Xunta anunciou hoxe a posta en marcha dun programa de formación e emprendemento no rural, para o que destina 30 millóns de euros. O plan, impulsado pola Consellería de Economía, inclúe as seguintes medidas:

Programa ‘Galicia Emprende Rural’, dotado de 2,5 millóns de euros, para promover a implantación e desenvolvemento de actividades non agrarias. Os destinatarios serán agricultores ou membros da unidade familiar dunha explotación que diversifiquen a súa actividade en ámbitos non agrarios; pequenas e medianas empresas de nova creación ou que afronten novas actividades, e autónomos.

As axudas inclúen unha contía básica de 20.000 euros, que poderá incrementarse ata un máximo de 70.000 euros. Concederase como anticipo un 60% da contía da subvención.

Creación de 6 laboratorios cooperativos no rural. Con esta iniciativa, preténdense identificar oportunidades de negocio para a creación de cooperativas e incentivar a súa posta en marcha.

Incentivos á contratación para empresas do rural. En toda Galicia hai previsto un orzamento de 1,7 millóns de euros para incentivar a contratación. No caso da contratación no rural, haberá un apoio dun 25% maior e impulsaranse contratos de formación e aprendizaxe á carta, en función das necesidades das empresas.

Coworking no rural. Destínanse 3,8 millóns de euros a centros de cotraballo no rural e reforzaranse as axudas dirixidas ós concellos para a creación de espazos de emprendemento activos de comercio.

– Plan dotado de 2,3 millóns de euros para aumentar a oferta formativa no sector forestal, de carpintería e madeira. Consolidarase o Centro de Formación do Pedroso, en Santiago, como centro de referencia en área forestal.

Potenciarase tamén o CIS madeira para a formación continúa de técnicos e traballadores de empresas do sector. Economía anuncia tamén a potenciación da investigación no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Plan de formación á porta, dotado dun millón de euros, para ofrecer formación en Concellos que non conten con centros homologados. Hai 140 municipios potencialmente beneficiarios.

– Destinaranse 12,5 millóns de euros á posta en marcha de 70 obradoiros de emprego e outros 2 millóns a aceleradoras de emprego.

– Por último, Economía anuncia que impulsará servizos de intermediación laboral, co reforzo da rede de orientadores de emprego no rural. Cada Concello rural disporá dun orientador propio, segundo a Xunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información