A Xunta anuncia que publicará o 1 de febreiro a convocatoria de axudas da PAC

Máis de 33.000 beneficiarios galegos das axudas da PAC recibirán preto de 190 millóns de euros na campaña 2017-2018 

A Xunta anuncia que publicará o 1 de febreiro a convocatoria de axudas da PAC

Finca de millo de Granxa O Cancelo

O vindeiro día 1 de febreiro está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde reguladora dos pagamentos das axudas da PAC por parte do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que depende da Consellería do Medio Rural. Así se sinala nun informe presentado este xoves no Consello da Xunta.

Trátase dos pagamentos directos da PAC e das medidas agroambientais de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas). Nesta orde recóllese tamén a axuda excepcional ao sector lácteo, cun carácter compensatorio, pois tal e como se indica na normativa comunitaria o importe asignado a cada Estado membro para esta axuda compensará unha proporción limitada das perdas reais sufridas polos produtores.

O 100% das solicitudes tramitaranse por vía electrónica

Dende o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez salientan que “esta convocatoria segue a ser pioneira no ámbito da redución das cargas burocráticas e da tramitación electrónica, xa que o 100% das solicitudes se tramitarán de forma telemática”.

Ademais, dende Medio Rural destacan que “malia ser unha orde cunha tramitación complexa e terse modificado a normativa básica recentemente, publicarase no primeiro día do prazo previsto legalmente, e así Galicia será unha das poucas comunidades autónomas que cumprirán esta previsión”.

Estas axudas da Política Agrícola Común teñen por obxecto contribuír a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se trata de potenciar os agricultores realmente activos e as prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o ambiente (medidas agroambientais).

O Fondo Galego de Garantía Agraria abooulles uns 102,7 millóns de euros a preto de 26.000 beneficiarios en concepto de anticipo das axudas da PAC. Este anticipo foi un 57% superior ao efectuado no exercicio 2015.

Dende a Consellería informan de que “o resto de pagos pendentes da campaña 2016- 2017 faranse efectivos unha vez que se completen os preceptivos controis sobre o terreo ou administrativos, e está previsto completar o pagamento nun prazo aproximado de dous meses”. “En todo caso, -subliñan- o período legalmente establecido finaliza o 30 de xuño”.

3 ideas sobre “A Xunta anuncia que publicará o 1 de febreiro a convocatoria de axudas da PAC

  1. Juan

    EU quéro prantar de castiñeiros, nogais ou outra variedade que poida acadar axuda da PAC ou outros nun terreo que foi agrícola, pero xa leva muitos anos inculto, á monte.
    Que teño que facer?

    Contestar
    • Gonzalo1977

      Boas Juan. Pégoche o enlace dun artigo no que se analiza unha situación como a que contas e as posibilidades existentes: http://www.campogalego.com/es/desarrollo-rural/plantaciones-forestales-en-tierras-agrarias-situacion-actual-y-propuestas/
      É importante saber a clasificación do chan, se ben se queres plantar castiñeiros para froito ou nogais para froito non vas ter problema, aínda que se trate de solo rústico de especial protección agropecuaria.
      En canto ás axudas, tes que estar pendente da convocatoria de axudas para a plantación de castiñeiros, se finalmente te decides por esta especie. Tendo en conta que as axudas do 2016 aínda non están resoltas, é de supoñer que polo de agora non sairá unha nova convocatoria.

      Contestar
  2. Juan

    Grazas

    En cuanto as axuas pra castiñeiros ou nogais de froito, hai que prantar é pedílas despois, ou solícitar antes de prantar.
    Por outra banda tería que cerrar por mor dos corzos é xabarins, do contrario seguramente me roian ou qreben todas as prantar….,non sei si pra cerramentos hai algunhab axuda?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información