Comezaron empregando colchoneta nas camas pero pasáronse á area para reducir as mamites

A Xunta ampliará ata o 15 de outubro o prazo para presentar licenza de obra nos plans de mellora

A Consellería do Medio Rural ampliará o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos correspondentes coas axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións. En concreto, o aumento do prazo será dun mes, pasando do 15 de setembro ao 15 de outubro.

Así o confirmaron a Campo Galego fontes da Consellería de Medio Rural, que precisan que o anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia nas próximas semanas. Respóndese así a unha demanda unánime no sector gandeiro, posto que moitas axudas víanse comprometidas ao non contar aínda coas licenzas municipais, situación agravada polas vacacións de verán na administración, co que corríase o risco de que unha boa parte das solicitudes non contaran en prazo coa licenza de obra. O pasado ano repetiuse a mesma situación e a Xunta optou por ampliar o prazo tamén ata o 15 de outubro.

Unións Agrarias advirte e que 200 ganderías poderían quedar sen plan de mellora

Ao respecto desta situación, e antes de coñecerse a decisión da Consellería de Medio Rural de ampliar o prazo, o sindicato Unións Agrarias emitiu un comunicado no que advertía de que “uns 200 gandeiros galegos deixarán de ingresar mais de 10.5 millóns de euros en axudas para Plans de mellora pola negativa da Consellería de Medio Rural a ampliar o prazo de presentación de solicitudes, logo ter retrasado ela dous meses a convocatoria oficial de axudas”. Unións lembra que a media de investimento por explotación nestes plans de mellora é de 150.000 euros.

Ademais, o sindicato critica os recortes que sufriron as dotacións orzamentarias tanto as previstas para plans de mellora – pasaron de 40 a 25 millóns de euros- e as de plans de incorporación de mozos que se reduciron en de 20 a 14 millóns de euros nesta convocatoria.

Neste sentido, dende Unións Agrarias recórdanlle á Consellería do Medio Rural que “no pasado PDR 2007-2014 quedaron sen gastar moitos millóns de fondos procedentes da Unión Europea pola mala xestión da Consellería, polo que para evitar novos erros é importante que se destinen os fondos ás liñas que realmente afectan ó desenrolo do medio rural e das nosas explotacións”.