A Xunta amplía o prazo para xustificar as axudas de prevención do lobo e do xabarín

A Xunta amplía o prazo para xustificar as axudas de prevención do lobo e do xabarín

Protección e defensa do gando ovino fronte ao ataque do lobo con introdución de cans como a raza mastín leonés e mastín pirenaico (A Pontenova - Lugo, 2017).

A Consellería de Medio Ambiente anuncia este martes no Diario Oficial de Galicia que amplía o prazo para executar e xustificar as axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre -lobo e xabarín- na gandería e na agricultura.

Inicialmente este prazo remataba o día 9 de setembro pero a Xunta decide ampliar este prazo un mes, ata o 11 de outubro para xustificar as axudas.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez explica esta ampliación para xustificar os gastos obxecto de subvención no elevado número de solicitudes presentadas e en que na tramitación dos expedientes “tivéronse que outorgar prazos para emenda tanto de documentación como de erros e, ademais, no caso da subliña para a adquisición e instalación de valados fixos, foi necesaria a realización de inspeccións previas en campo para efectuar as comprobacións oportunas de axuste ao solicitado”.

“Todo o anterior ten xerado unha demora na resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo efectivo dispoñible polos beneficiarios para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención”, xustifican dende a Consellería de Medio Ambiente.

Unha demanda dos gandeiros para evitar que haxa que renunciar ás axudas

A ampliación do prazo viña sendo demandada polo sector gandeiro. Precisamente, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes advertiu de que se non se ampliaban os prazos de xustificación das axudas habería de novo productores que terían que renunciar a estas subvencións, como sucedeu en anteriores convocatorias.

Ademais, Joan Alibés, presidente da SGPF, lembra que “para facer peches fixos, o verán é a peor época, xa que a terra está seca e o peche non queda ben. Sería máis axeitado facelo no outono”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información