A Xunta amplía o prazo para solicitar a PAC ata o 7 de maio

A Xunta amplía o prazo para solicitar a PAC ata o 7 de maio

A Consellería do Medio Rural vén de sumarse ás diferentes comunidades autónomas que solicitan ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) unha ampliación do prazo para solicitar as axudas da PAC. Galicia propón que se prolongue ata o vindeiro día sete de maio, inclusive. O prazo finalizaba ata o de agora o 30 de abril

O motivo desta petición é facilitar o traballo e as xestións das entidades colaboradoras que están a tramitar estas axudas, de forma que teñan máis marxe para tramitar as diferentes solicitudes de agricultores e gandeiros. Así o trasladou o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) ao Mapama, acolléndose a esta posibilidade.

Pola súa banda, o Ministerio comprometeuse a aceptar todas as peticións de ampliación, mesmo respectando a data que cada autonomía ten solicitado. Engade que se están a realizar todas as xestións para que a orde ministerial cos novos prazos saia publicada no Boletín Oficial del Estado a finais da vindeira semana.

Esta campaña as axudas da PAC prevese que beneficien en Galicia a preto de 33.000 persoas, por un importe total de 190 millóns de euros.

Outras comunidades que solicitaron ampliar o prazo de solicitude da PAC

O Ministerio de Agricultura xa autorizou a outras Comunidades, como Asturias e Aragón, a ampiar o prazo de presentación de solicitudes das axudas da PAC. Nestes dous casos, ata o 15 de maio.

No caso de Aragón, a Comunidade xustificou a súa solicitude de ampliación nas “características do seu procedemento de presentación da solicitude única, mediante a cal se solicita ao agricultor información complementaria sobre seguros agrarios, variedades de cultivos leñosos, sistemas de rega, etc., e como consecuencia das particularidades do seu Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) e dos ataques informáticos que sufriron nos seus servidores autonómicos e que impediron durante varios días manter un ritmo adecuado de captura de solicitudes”.

En Castela e León ou Extremadura as organizacións agrarias piden que se amplíe o prazo

No caso do Principado de Asturias, indícase que “pola complicada xestión da superficie comunal, mediante recintos aos que se asigna referencias específicas diferentes ás establecidas no Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), que implica unha repartición previa de superficie e licenzas de aproveitamento polas autoridades de xestión, require dun tempo previo engadido á tramitación da solicitude única”.

O Goberno de Castela A Mancha tamén ampliou o prazo de solicitude ata o 15 de maio e no caso de Andalucía ata o día 11. Noutras autonomías, como Castela e León ou Extremadura as organizacións agrarias tamén solicitaron unha ampliación por diversas circunstancias. (problemas informáticos de tramitación, atraso administrativo, adversas condicións climáticas e problemas derivados de planificación e viabilidade de cultivos…etc.).

A normativa estatal e europea establece que o prazo de presentación de solicitudes das axudas da PAC é ata o 30 de abril, pero pode establecerse como data máxima ata o 15 de maio, sempre e cando se xustifique por parte da Comunidade Autónoma.

En España os últimos cambios lexislativos permiten que se unha Comunidade ve que vai poder acabar en prazo o 30 de abril, aínda que se amplíe noutras CC.AA., esta non terá que amplialo. Iso dá vantaxes, porque poderá realizar antes os controis administrativos e de campo, e abonar en prazo os anticipos de pagos; tramitar tamén antes as cesións de dereitos ou axilizar a concesión de dereitos da reserva  nacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información