Volven As San Lucas de Mondoñedo, unha cita para non perderse esta semana

O programa da feira máis antiga de Galicia comeza o xoves e remata o domingo e segue apegado á tradición coa baixada dos cabalos, concursos morfolóxicos e de andadura e un expectáculo de doma nocturna único

Volven As San Lucas de Mondoñedo, unha cita para non perderse esta semana

Mondoñedo prepárase xa para acoller a miles de visitantes nas feiras e festas das San Lucas, as máis antigas de Galicia, que se veñen celebrando desde o ano 1156 na cidade que foi capital do Reino de Galicia. Cita obrigada para os amantes dos cabalos, a celebración, organizada pola asociación As San Lucas en colaboración co Concello de Mondoñedo, segue fiel ás súas orixes nuns festexos apegados á tradición e co agro e a gandeiría como protagonistas.

As San Lucas seguen mantendo esa esencia das festas de antano, cos cabalos convertidos nun dos atractivos indiscutibles para unha das celebracións con máis encanto do país e que marca, xunto co San Froilán, o final do calendario festivo do verán en Galicia.

As San Lucas son feira, festa, cultura e tradición. Durante catro días, do xoves 17 ao domingo 20 de outubro, a cidade episcopal, que mantén a maxestuosidade de cando foi capital dunha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia, réndese ao balbordo dos cabalos pola Praza da Catedral, declarada Patrimonio da Humanidade, ao paso dos animais polas rúas empedradas camiño do Campo da Feira, á presenza do gando, dos tratantes, dos compradores e vendedores, ás casetas do polbo na Alameda e á música e a festa en cada recuncho, con teatro, maxia, música tradicional, charangas e verbena.

Protagonismo dos cabalos

As San Lucas teñen a súa orixe no mundo do cabalo. Polas pedras da emblemática Praza da Catedral, trotan cada 17 de outubro dende fai 863 anos, os cabalos que baixan dende os montes da contorna ata o Campo da Feira para ser vendidos na gran feira do día 18. Como cada ano, gandeiros e gandeiras da localidade, coma Tania Pérez Pértega, Luciano García e o seu fillo Moisés, Javier e Pablo, tamén de Mondoñedo ou Alejandro, da Pontenova, baixarán o seu gando do monte seguindo unha tradición secular que manteñen viva. A tradicional chegada dos cabalos o día 17 pola tarde polas rúas empedradas da cidade e o seu paso por diante da Catedral camiño do campo da feira marca o comezo das San Lucas.

Copia de san Lucas7

Ao día seguinte, o xoves 18 será a feira anual de gando. Entre as actividades dese día atópase tamén a celebración dun dos principais espectáculos de doma nocturna, a cargo de Javier Simón, Toño Serrano e Florín Harabor, que volverán por segundo ano ás San Lucas. Terá lugar o día grande das Feiras e Festas de As San Lucas, o 18 de outubro, na Praza da Catedral en dous pases diferentes.

Tanto na feira do día 18 como nos diversos concursos e certames repártense importantes premios

A programación recolle ademais outras citas para os amantes dos cabalos, como un concurso morfolóxico de cabalos e eguas de Pura Raza Galega o sábado 19, valedeiro para a gran final da Copa Galicia, un de cabalos trotóns o domingo 20 e outro de andadura galega o venres 18. Tanto na feira do día 18 como nos diversos concursos repártense importantes premios que animan á participación a gandeiros e criadores.

Música celta e as mellores orquestras

Foto presentación cartel As San Lucas 2019As San Lucas teñen a súa orixe no mundo agrario e rural pero co transorrer dos anos foron desenvolvendo un amplo programa de actividades, que ademais da feira tamén engloba actividades culturais e literarias, xunto a música e diversión. “As San Lucas fan de Mondoñedo un lugar de encontro de culturas”, asegura Miguel Souto, presidente da asociación organizadora.

O programa, que pretende chegar a todos os públicos, inclúe este ano o monólogo de Álex Clavero, colaborador en Rock FM, entre outros espazos. Trae a Mondoñedo un espectáculo de risas e recordos, no que mostra o moito que cambiou o mundo en tan pouco tempo e que terá lugar o domingo 20 de outubro, ás 18:30 horas no auditorio Pascual Veiga.

Un ano máis, as verbenas estarán amenizadas coas mellores orquestras: comezan o dia 17 coa Panorama e Grupo Beatriz; 18 Palladium e Olympus; día 19 actuarán as formacións Aramio e Claxxon e, por último, o 20 tocarán La Oca band e Los Salélites. Hai tamén sitio para a música tradicional co festival intercéltico do sábado 19, no que participarán Gwendal, Xabier Díaz, Lunasa e Brais Rodrigo.

Xunto co gando, a gastronomía local é outra das protagonistas da festa

A faceta gastronómica tamén está moi presente nas San Lucas. Á tradición de comer o polbo engádese a variedade e calidade da gastronomía mindoniense, co pan, as empanadas, as tartas e os produtos da horta como emblemas principais. As San Lucas é un bo momento para achegarse a visitar Mondoñedo, un lugar cunha grande riqueza histórica, cultural, patrimonial e natural, coa Cova do Rei Cintolo ou o Barrio dos Muíños como complemento ao seu fermoso casco histórico, a súa importante Catedral e ao Camiño Norte a Santiago que atravesa o municipio.

PROGRAMA COMPLETO DAS SAN LUCAS 2019:

programa cabalos As San Lucas 2019

as_san-lucas_2019.inddprograma orquestras As San Lucas 2019

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información