Vivir Vilamarín, iniciativa para visibilizar un rural vivo

Publicidade
Vivir Vilamarín, iniciativa para visibilizar un rural vivo

O programa inclúe unha demostración na forxa de Vilamarín.

En Vilamarín, un concello rural ó noroeste da provincia de Ourense, un grupo de xente nova comezou a argallar hai meses unhas xornadas de actividades socioculturais que partían cun obxectivo claro. Demostrar que no rural tamén pasan cousas interesantes. A iniciativa estase a plasmar este fin de semana nun completo programa que leva por título ‘Vivir Vilamarín’. Música, contacontos, charlas e demostracións de ferreiría e de elaboración de pan nun forno comunitario sucédense ó longo do sábado e do domingo.

A organización de ‘Vivir Vilamarín’ corre principalmente por conta dun grupo de mozos que son fillos e netos de veciños de Vilamarín, pero que na súa maioría viviron sempre en distintas cidades galegas. Da súa conexión con Vilamarín, en veráns e fins de semana, tiraron o convencemento de que vivir e emprender actividades no rural non só é posible senón moi interesante. “O rural galego, con xente con ganas de colaborar e de emprender unha vida persoal e proxectada no entorno ten moito potencial”, valora Martín ‘Roxos’, un dos organizadores.

As xornadas deste fin de semana sacáronas adiante un grupo dunhas dez persoas, con escasos apoios institucionais e tirando dos recursos humanos e económicos propios. “Hai unha idea común de que o rural é un lugar no que nunca pasa nada interesante e queriamos rachar con ese tópico”, suliña Martín. “Cada un de nós foi aportando cousas á organización ou ó programa de actividades en función dos seus coñecementos e posibilidades. Todos botamos unha man”.

Vilamarín, contan desde a organización, non é un concello que se teña caracterizado pola súa dinamización sociocultural, unha tendencia que os impulsores de Vivir Vilamarín queren ir virando pouco a pouco. A iniciativa nace coa idea de que prenda a faísca e de que os propios veciños estables de Vilamarín se vaian implicando na organización de futuribles actividades.

A acollida das xornadas no concello foi polo de agora positiva. Son varios os veciños que colaboran directamente no evento, como un muiñeiro, un ferreiro, gandeiros locais ou varios artistas que ceden as súas obras para unha exposición, entre outros. “Cando lle explicamos á xente o que imos facer, en xeral vemos que se agradecen este tipo de actividades e a xente acólleas de xeito amable. Tamén ás veces pode haber algo de escepticismo ou desconfianza inicial, pero iso forma un pouco parte da idiosincrasia local”.

Pódese consultar aquí o programa completo de actividades e aquí acceder ó facebook de Vivir Vilamarín.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información