Viveiro mantén vivos tres séculos de historia na Feira das Maulas de Galdo

Os cabalos serán os verdadeiros protagonistas o vindeiro 12 de maio nunha cita que se celebra desde finais do século XVII e que inclúe probas puntuables para o Campionato Galego de Hípica

Viveiro mantén vivos tres séculos de historia na Feira das Maulas de Galdo

O vindeiro 12 de maio a parroquia de Galdo, no concello de Viveiro, celebra a súa tradicional Feira das Maulas, onde os cabalos serán un ano máis os protagonistas absolutos dunha cita que segue mantendo o seu poder de convocatoria. Os máis de tres séculos de historia desta feira convértena nunha das máis lonxevas de Galicia.

A feira de gando, que ten lugar desde as 10 da mañán, mantén a esencia tradicional aínda que foi diminuindo paulatinamente o número de animais e de tratantes que acoden. “Sempre foi unha cita moi importante en canto a presenza e venda de gando, aínda que o número e variedade de animais foi diminuindo nos últimos anos, igual que aconteceu na maioría das feiras que se celebran en Galicia e hoxe a presenza redúcese case exclusivamente a gando vacún e cabalar, pero noutrora dábanse cita tamén porcos, cabras ou ovellas”, relata Luis Chao Carreiras, vicepresidente da asociación de veciños Camiño de Galdo, que organiza a feira coa axuda do Concello.

A asociación mantén viva a celebración tratando de reactivala cunha serie de actividades complementarias que ademais de atraer xente dan vistosidade á cita. Nos últimos anos foron collendo pulo as probas hípicas e as carreiras de cabalos, que se celebran tanto pola mañán como pola tarde. Os distintos certames forman parte das probas puntuables para o Campionato Galego dentro do calendario da Federación Hípica Gallega, que despraza a Viveiro xuices e veterinarios para supervisar a proba.

As carreiras de cabalos son sen dúbida un dos pratos fortes da xornada. Teñen lugar en sesión dobre, ás 12 da mañán e ás catro e media da tarde. Son probas federadas nas que participan medio cento de xinetes, con premios para os oito primeiros, que recibirán premios en metálico ademais de trofeos e diplomas acreditativos. Pola tarde serán as probas de andadura, tanto serrada 2 tempos como 4 tempos chapeada de alturas de máis e menos de 1,5 metros.

A feira de gando e os distintos postos do mercado popular abriranse a partir das 10 da mañán e haberá xantar, sesión vermú e verbena no mesmo Campo da Feira de Galdo. O programa inclúe tamén o día antes da feira, o sábado 11, as quintas xornadas de produtos do porco, que consiste nunha cea popular a base de chourizo e panceta e unha verbena.

Máis de tres séculos de historia

A orixe da Feira das Maulas de Galdo remóntase a finais do século XVII. A feira anual do 8 de maio no lugar de Lodayro foi a precursora das Maulas. Era feira franca, libre de impostos, que naceu a iniciativa dos veciños e que pasou a celebrarse de xeito legal a partir de 1721, segundo detalla o historiador Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro. Galdo foi concello propio até 1841 e mantivo disputas co veciño Viveiro por motivo precisamente da celebración desta feira.

Hoxe Galdo forma parte de Viveiro pero a parroquia mantén a súa identidade. Trátase dunha das maiores produtoras de eucalipto da comarca da Mariña. No seu monte comunal, adicado na súa totalidade a plantacións de piñeiros e eucaliptos, faise unha corta de madeira todos os anos, supoñendo unha importante fonte de ingresos para a parroquia.

Rapa das Bestas de Candaoso

Nos montes de Galdo non hai cabalos pero nos de San Andrés de Boimente si. Esta parroquia, tamén pertencente a Viveiro e situada a 7 quilómetros de Galdo, conta con máis de 300 hectáreas de monte, unha boa parte deles a pastizal. Neles viven todo o ano en liberdade os poldros e cabalos que cada ano son baixados ao curro de Candaoso para a Rapa das Bestas que se celebra o primeiro fin de semana de xullo.

Vén de cumprir 50 anos e está declarada Festa de Interese Turístico. Cada ano xunta uns 300 animais que pacen nos montes de Buio e Lerín. É das poucas rapas que se celebran na provincia de Lugo onde os aloitadores e aloitadoras derruban corpo a corpo aos animais, un espectáculo que congrega cada ano a centos de visitantes.

É un dos atrativos do municipio que o Concello de Viveiro pretende potenciar desde o punto de vista turístico, segundo destaca a concelleira Marisol Rey, presentando a cita en eventos especializados coma Fitur.

cartel Feira das Maulas 2019

programa Feira das Maulas 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información