Vigo acollerá este mes o Congreso Internacional de Agroecoloxía

Publicidade
Vigo acollerá este mes o Congreso Internacional de Agroecoloxía

O Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo organiza o VI Congreso Internacional de Agroecoloxía que vai a ter lugar en Vigo os días 16 e 17 de xuño de 2016. O lema escollido para esta edición é o de “Cambiando os modelos de consumo para construír sistemas agroalimentarios sustentables”.

O Congreso de Agroecoloxía mestura unha parte máis científica con outra de carácter social. Nese senso está aberto a calquera persoa interesada. Na edición deste ano recibíronse máis de 100 ponencias chegadas desde máis de dez países.

A conferencia de apertura o día 16 correrá a cargo de Jorge Riechmann, profesor da Universidad Autónoma de Madrid, cun relatorio titulado ¿Podemos controlar nuestro destino en el Siglo de la Gran Prueba?. Na segunda xornada do congreso, o día 17, terán lugar tres conferencias plenarias, a primeira será impartida por Óscar Carpintero, da Universidad de Valladolid, sobre o sistema agroalimentario: unha mirada dende o metabolismo social; a segunda por Cristina Carrasco, da Universidad de Barcelona, sobre sostenibilidade da vida: apuntes desde a economía feminista; e a terceira por Clara Nicholls, da University of Cafilornia Berkeley, centrada na agroecoloxía e o deseño de sistemas biodiversos e resilientes.

Cambiando os modelos de consumo para construír sistemas agroalimentarios sustentables

O Congreso ten como ámbito principal nesta edición o cambio dos modelos de consumo. Para elo abordará en diferentes sesións alternativas de produción e d e consumo. A estrutura do Congreso pilota sobre tres dimensións: a técnico-produtiva; a política e a socio-cultural e cada unha delas organízase en varias áreas temáticas. Na primeira das dimensións trataranse temas como o manexo agroecolóxico de sistemas; as estratexias para a conservación da biodiversidade ou a cadea agroalimentaria, distribución e conservación de alimentos.

No relativo á dimensión política, debaterase sobre o papel das institucións públicas como demandantes de alimentos; sobre a acción social e comunitaria para mobilizar recursos abandonados e construír solucións para a subalimentación; economía global e acción local e feminismo e agroecoloxía. Finalmente, no bloque temático centrado no eido sociocultural analizaranse novas formas de coñecemento e de propiedade para a sustentabilidade; experiencias comunitarias de desenvolvemento humano e ética, epistemoloxía e educación para a agroecoloxía.

O congreso comprende tamén catro grupos de traballo de temáticas específicas: Novos mercados de consumo de alimentos e metabolismo social; o sector público como demandante de alimentos; feminismo, agroecoloxía e coidados e agricultura social e terapéutica. Nestes grupos os participantes poderán coñecer diferentes experiencias como o programa Verdear, de horticultura social en Vigo; os comedores sociais ou escolares como motor para potenciar o consumo ecolóxico e de proximidade; os grupos de consumo responsable; os programas de aproveitamento de alimentos desbotados polas cadeas comercializadoras ou algunhas iniciativas nas que se dan a man da perspectiva ecolóxica coa feminista e identitaria. Paralelamente tamén haberá presentacións de experiencias innovadoras produtivas e de consumo que se desenvolven dentro do ámbito agroecolóxico, incluíndo as propostas de agricultura orgánica e varias sesións de comunicacións orais.

Máis información:
http://economiaecoloxica.webs.uvigo.gal/
agroecoloxia2016@uvigo.es
986812506

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información