Vídeo da tractorada en Viana para reclamar axudas pola seca

Vídeo da tractorada en Viana para reclamar axudas pola seca

Poucos habitantes da montaña oriental de Ourense, nos concellos de Viana do Bolo, A Gudiña, A Mezquita ou Chandrexa de Queixa, lembran un ano tan malo para o agro.

E é que ás xeadas de finais de abril, que botaron a perder gran parte da produción de castaña, de mel e de pastos e forraxes para o gando, seguiulle unha das primaveras e dos veráns máis secos que se recordan, que contribuíu a empeorar as casos.

A situación é de tal gravidade que hai ganderías que teñen series dificultades incluso para atopar auga para os seus animais, xa que os puntos de carga de incendios que a Consellería do Medio Rural lles permitiu utilizar están tamén secos na maioría dos casos.

Ante este panorama, ducias de gandeiros da comarca volveron sacar este xoves os seus tractores ás rúas de Viana do Bolo por segunda vez para esixir á Administración que lles axude para poder superar este ano e poder alimentar ao gando.

O sentimento xeneralizado é de agravio ante as medidas para axudar aos produtores afectados pola seca que si se adoptaron noutras Comunidades Autónomas, pero incluso en Galicia, onde a Xunta si axudou aos viticultores da Ribeira Sacra prexudicados polas xeadas do pasado ano ou aos do Ribeiro, en concreto aos de Cenlle e de Castrelo de Miño, que padeceron a saraibada a finais do mes de agosto.

Video da tractorada: 

Moitos gandeiros teñen serias dificultades para atopar auga para os animais

Neste sentido, Unións Agrarias, organizadora da tractorada deste xoves en Viana do Bolo, estima que “só no sector da castaña se perderon 1,5 millóns de kilos, o que ven a ser 1,5 millóns de euros, e isto provocará graves dificultades para moitas explotacións gandeiras, que teñen a este froito como un complemento de renda”.

No caso da gandería extensiva o problema reside, segundo a organización agraria, “na falta de pasto e auga o que está a incrementar en mais de 2 euros por vaca e día os custes de produción”. “Unha situación que tamén se estende á apicultura, que neste ano non se agarda colleita senón que haberá que gastar diñeiro para alimentar as abellas”, advirten.

A tractorada de hoxe, que saíu pasadas as 11:30 horas da mañá da explanada do campo de fútbol de Viana, e na que participaron arredor duns 70 tractores, percorreu as rúas da vila ata regresar ao punto de partida.

A pasada semana a Consellería do Medio Rural anunciou que a Xunta destinará 1,5 millóns aos agricultores afectados por fenómenos climáticos adversos, unha medida que se podería concretar no Consello da Xunta deste xoves.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información