‘Vendo Finca’, portal inmobiliario para a compra – venda de fincas rústicas

Unha web facilita de xeito gratuíto as transaccións de parcelas agrarias e forestais entre particulares. O proxecto creouse inicialmente para Galicia, pero xa ampliou a súa área de cobertura ó resto de España

‘Vendo Finca’, portal inmobiliario para a compra – venda de fincas rústicas

O novo portal permite a compra-venda de fincas agrícolas ou forestais.

O mercado inmobiliario de vivendas ten numerosas plataformas online para compra, venda e aluguer, pero non existía ata o de agora ningún portal específico para a compra – venda de fincas rústicas. Ese oco foi cuberto por unha iniciativa galega, ‘Vendofinca.es’, que desde este verán ofrece a posibilidade de anunciar de xeito gratuíto a venda de parcelas rústicas, tanto forestais como agrarias.

O portal ‘Vendofinca.es’ naceu co obxectivo de facilitarlle ós propietarios galegos a posta no mercado das súas fincas, se ben xa ampliou a súa área de cobertura ó resto de España. Para os compradores interesados, a plataforma ofrece a posibilidade de filtrar as buscas por provincia e concello, a fin de localizar aqueles predios de maior interese. Tódalas parcelas pódense localizar ademais sobre o mapa, de cara a apreciar a súa forma, características e accesos.

O promotor da iniciativa, Víctor Rivas, salienta a boa resposta que está a recibir o portal. “Desde que o puxemos en marcha este verán, inscribíronse máis de 300 fincas rústicas e xa comprobamos como a través do portal se pecharon acordos de compra-venda”, destaca. A web ofrece tamén información das subastas de parcelas organizadas por Facenda, que a miúdo viñan pasando desapercibidas para potenciais interesados.

Calquera finca rústica pode inscribirse na plataforma, sexa cal sexa a súa dimensión e a súa calificación urbanística (forestal, agraria, núcleo rural, etc.), se ben as parcelas que están a xerar maior interese son as que teñen unhas características aptas, pola súa dimensión e ubicación, para plantacións forestais. “Estamos detectando que hai demanda de terra, sobre todo para plantacións de eucalipto. Polo lado da oferta, hai parcelas moi variadas, desde 200 metros cadrados a 10 hectáreas. Loxicamente, as parcelas pequenas teñen unha saída máis complicada”, valora o promotor do proxecto.

Grupo operativo de innovación
A iniciativa ‘Vendofinca.es’ naceu no marco do grupo operativo de innovación E-monte, conformado pola plataforma online de compra venda de madeira E-monte -tamén impulsada por Víctor Rivas-, polo Cluster da Madeira, pola Universidade de Santiago e por Manuel Graña, un profesional adicado a servizos forestais.

O grupo operativo, que conta con apoios públicos, constituíse co obxectivo de promover a aplicación das novas tecnoloxías no sector forestal. O seu primeiro resultado foi a plataforma E-monte, creada para a compra – venda de lotes de madeira entre propietarios forestais, no lado da oferta, e rematantes e empresas transformadoras no da demanda.

Cubicación de madeira
O portal E-monte está complementándose agora con novas ferramentas, como unha aplicación que facilita a cubicación da madeira de ata 8 especies de árbores. Para facerse unha idea do volume de madeira que hai nunha parcela, así como das trozas que se poden lograr, o propietario ten que indicar o número de pés, o groso das árbores e a súa altura.

O parámetro máis complicado de medir, a altura, conta xa con aplicacións móbiles que permiten facer aproximacións, se ben o seu uso xenera aínda marxes de erro variables e ten limitacións.

Vendas conxuntas de lotes
Outra novidade do portal E-monte é a sección ‘E-monte conxuntas’, coa que se trata de correxir un dos problemas que se viñan detectando na compra venda de madeira, o minifundio. “En ocasións ofértanse parcelas de moi escasa dimensión, o que imposibilita que ningunha empresa estea interesada. Para solucionalo, estamos tratando de agrupar parcelas pequenas que estean próximas, a fin de crear un lote de maior dimensión que poida xenerar ofertas de compra”, explica Víctor Rivas.

A dinámica de ‘E-monte conxuntas’ é sinxela. Un propietario inscribe a súa parcela e calquera persoa que teña unha finca próxima da que queira vender a madeira pode adherirse para tratar de facer unha venda conxunta. “Na práctica, depéndese moito de que o o propietario mova a idea no seu entorno para tratar de aglutinar a máis persoas. ‘E-monte conxuntas’ é unha ferramenta útil pero precísase de certa proactividade do propietario”, valora o promotor da iniciativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información