O incremento de accidentes de traballo nas explotacións agrarias e gandeiras que se ven rexistrando nos últimos meses está a xerar unha profunda preocupación entre os produtores de Galicia.
Para dar resposta a esta inquietude o secretario de Administración e Área Interna, Javier López e Adela Quinzá, directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), celebraron este xoves unha reunión para sentar as bases dun plan de información ao rural sobre a necesidade de aplicar todas as normas de protección á hora de afrontar as labores nas granxas ou nas parcelas. Previo ao compromiso do traballo en común, fíxose balanzo da realidade relativa o PRL que se vive nas explotacións.
Este ano 2016 está resultando especialmente negro pola cantidade de accidentes sobre a seguridade e integridade das persoas que traballan en actividades relacionadas co sector primario. Destaca pola súa gravidade os relacionados con tractores e máquinas arrastradas, nos que se multiplica o risco ao sumar condutores de avanzada idade e vehículos con moitos anos de servizo, sen o mantemento adecuado e con poucas medidas de seguridade pasiva.
Os venres é cando máis accidentes se producen con ferramentas de man
No caso das ferramentas de man, o índice de maior incidencia de accidentes dáse curiosamente no venres, día en que os usuarios que usan motoserras ou desbrozadoras, proceden doutros sectores de actividade e non dominan as características e perigo das citadas máquinas. A aplicación de tratamentos químicos na agricultura ou os traballos en adegas supoñen tamén puntos negros nos rexistros de sinistros. Asemade o mundo dos traballos forestais aporta un gran número de vítimas a estatísticas.
Unións Agrarias asegura que porá a súa rede de oficinas a disposición do ISSGA para instalar puntos de información sobre seguridade e habilitará aulas de formación para que se poida reforzar o coñecemento das habilidades e instrumental para ganar en protección á hora de afrontar traballos no campo ou na granxa.