Unións prepara un calendario de charlas sobre a mina de Touro

A organización agraria cre inasumible social e ambientalmente o proxecto de extracción de cobre

Unións prepara un calendario de charlas sobre a mina de Touro

Balsa da antiga explotación mineira de Touro.

Unións Agrarias ten previsto o desenvolvemento de charlas informativas sobre a defensa da propiedade dirixidas aos afectados do proxecto da mina de Touro- O Pino. O plan mineiro aínda non conta con autorización, pero a empresa promotora xa está presentando precontratos de compra de terreos da concesión, polo que a organización agraria iniciará nos próximos días o asesoramento aos afectados.

A mina de cobre, que tamén extraerá prata, abarca potencialmente tres parroquias do Pino (Arca, Cebreiro e Cerceda) e outras oito do concello de Touro (Bama, Enquerentes, Foxás, Fontes, Rosas, Loxo, Prevediños, Touro e Vilar), afectando á base territorial de 47 explotacións agrarias. Unións destaca que nos dous concellos sobre os que se instalaría a mina hai un total de 161 explotacións afectadas por distintos impactos ambientais.

Para a organización agraria, o impacto da mina é “inasumible ambiental e socialmente” e tamén incide en que moitas das explotacións que se verían perxudicadas están na man de xente nova recén incorporada. Unións oponse á mina de Touro – O Pino, se ben tamén di que aqueles proxectos mineiros que se demostren sostibles nos ámbitos social e medioambiental si poden ter interese para o rural galego.

Impactos
“A cuestión é que o proxecto desta mina de cobre a ceo aberto está fóra da realidade social e ambiental de Galicia, cun alto potencial contaminante, e que precisa dunha marcobalsa de residuos, con taludes de ata 90 metros de altura, que afectarán irreversiblemente ao lugar de Arinteiro, que non tería máis alternativa que o abandono do núcleo de poboación”, valora Unións en nota de prensa.

“Asemade” -continúa a organización-, “esta mina teria un altísimo impacto nunha comarca de vocación agraria, con numerosas explotacións de leite punteiras, e unha industria láctea queixeira consolidada. Polo que os seus efectos sobre o sector agrogandeiro serían inaceptables. Por outra banda, estímase que incurre en graves problemas de incerteza e riscos medioambientais, relacionados con lixiviados de metais pesados en plena cunca do río Ulla”.

Por todo elo, e dada a iniciativa da empresa promotora, de presentar precontratos de compra de propiedades afectadas polo desenvolvemento directo do proxecto, Unións Agrarias celebrará nas vindeiras datas, accións informativas sobre a defensa da propiedade afectada por concesións administrativas ou proxectos declarados de Utilidade Pública, na que colaborará a Asociación Vento Noso de afectados por parques eólicos, quen lle trasladará aos veciños a súa experiencia neste tipo de procesos de negociación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información