Unións pide actuar xa sobre o xabarín para salvar a sementeira de millo

Unións pide actuar xa sobre o xabarín para salvar a sementeira de millo

Sementeira de millo levantada polos xabaríns

O sindicato Unións Agrarias demanda da Xunta de Galicia e das sociedades de caza o inmediato despregue de accións preventivas contra as mandas de xabaril neste mes para que haxa marxe de manobra antes do inicio dos traballos de sementeira do millo.

“Entre os produtores existe unha grande inquedanza polos danos reiterados do xabaril agora que rematou a tempada de caza no mes de febreiro, e que nas próximas semanas se desenvolverá a campaña da sementeira do millo forraxeiro que irá ata mediados de xuño”, explican dende Unións.

Galicia lidera a superficie de millo forraxeiro de España con máis de 65.000 ha cultivadas, das que o sindicato calcula que “un 12% veñen sendo sistematicamente danadas polo xabaril, cuns danos superiores aos 10 millóns de euros anuais, que saen cada ano das rendas de agricultores e gandeiros, e dos que ninguén se acaba facendo cargo”.

Ante esta situación, entende que “é fundamental anticiparse aos movementos das mandas de xabaríns para non ir como todos os anos por detrás do problema, unha vez que estragan as parcelas acabadas de sementar de millo, senón que é preciso que os TECOR e Sociedades de Caza tomen a iniciativa nas distintas parroquias e concellos de Galicia”.

Medidas concretas para as próximas semanas

En concreto, Jacobo Feijoo, responsable de Área de Desenvolmento Rural de Unións Agrarias defende que “durante estas semanas previas ao inicio da campaña deberíase de facer por parte dos TECOR un traballo intensivo de campo para ir determinando onde están as mandas de xabaril máis próximas aos lugares e as zonas de cultivo, para tomar inmediatamente medidas de dispersión”.

Neste sentido, entende que “os adestramentos sen control de cans, que teñen como efecto escorrentar aos xabaríns que buscan tranquilidade no monte, deben de cesar de inmediato, limitándose unicamente ás zonas de risco de danos nas próximas semanas, onde si poden ser unha eficaz ferramenta para afastar durante estes días aos animais cara o monte e reducir a incidencia de danos nos cultivos de millo nos vindeiros de abril e maio”.

Asemade, o responsable de Unións considera que “os TECOR deberían de preparar xa listados de cazadores dispostos a facer esperas de control de danos unha vez que empece a sementeira, a fin de poder responder de xeito eficaz cando sexan requiridos por agricultores e gandeiros durante estes meses de veda, onde o xabaril só pode ser cazado en accións de control de danos”.

En canto ao papel da Xunta, Jacobo Feijóo considera que “ten que ser de coordinación e autorización de todas estas medidas, esixindo dos TECOR un comportamento axeitado aos seus deberes e responsabilidades outorgados aos mesmos pola Lei de Caza de Galicia”.

Unións Agrarias leva solicitado reformas da Lei de Caza que obriguen a que estas medidas preventivas sexan obrigatorias e non dependan da maior ou menor vontade de cada TECOR, “que en todo caso son os responsables de xestionar a fauna cinexética e de responder polo pago dos danos cando estes se producen pola súa falta de dilixencia e interese, como recolle a Lei 13/2013 de Caza de Galicia”, subliñan dende o sindicato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información