Unións cuestiona os retrasos e recortes nas axudas de incorporación

A organización agraria advirte de que a convocatoria de plans de mellora e incorporación de persoas mozas perdeu este ano un terzo dos fondos. A publicación da orde atrasouse dous meses, o que dificulta a tramitación de licenzas en tempo

Publicidade
Unións cuestiona os retrasos e recortes nas axudas de incorporación

Os investimentos de mellora en explotacións teñen este ano menos prazo para obter licenzas. / Arquivo.

Unións Agrarias advirte dos problemas que presenta a convocatoria de axudas para incorporación ó agro e plans de mellora das explotacións. A convocatoria, activada onte por Medio Rural, perdeu este ano un terzo dos fondos destinados no pasado exercicio ás axudas. Outro atranco é que a convocatoria publicouse dous meses máis tarde, o que dificulta a obtención de licenzas municipais en tempo, no caso de explotacións que queiran acceder a plans de mellora para executar infraestruturas como naves ou depósitos de xurros.

Os fondos destinados este ano pola Xunta á convocatoria de incorporación e plans de mellora son 39 millóns de euros (25 para plans de mellora e 14 para incorporación), en tanto o pasado ano foran 60 millóns de euros (40 para mellora e 20 para incorporación).

“O recorte de fondos e a reducción de prazos poñen as claras o interese de Medio Rural en reducir o número de demandantes” (Unións Agrarias)

Ao recorte de fondos únese o problema do prazo límite para presentar as licenzas municipais de obra, que igual que o pasado ano, mantense no 15 de setembro, a pesar de que a convocatoria do 2019 chegou dous meses máis tarde. “Isto será un grave problema para completar moitos expedientes, pois é coñecido que as Administracións acostuman a demorar bastante estes trámites, co cal moitos gandeiros quedarán fóra da convocatoria”, pronostica a organización agraria.

“Toda esta situación pon as claras o interese que parece ter a Xunta por reducir o número de demandantes de axuda”, critica Unións, que lembra que o 75% dos fondos das axudas proceden de fondos europeos e outro 7,5 % da Administración central. “Polo tanto, non é excusa a falta de fondos. Hai que lembrarlle a Medio Rural que no pasado Plan de Desenvolvemento Rural 2007-2014 quedaron moitos millóns de euros de fondos europeos sen executar, polo que para evitar novos erros, é importante que se destinen os fondos ás liñas que realmente afectan ó desenvolvemento do medio rural e das explotacións agrarias”, sinala a organización agraria en nota de prensa.

Unións lembra que por cada 3 euros de axuda pública, as explotacións beneficiarias poñen outros 7 euros. “As explotacións galegas están facendo un enorme esforzo para ser o máis eficientes posibles a pesares dos baixos prezos tanto en leite como en carne, apostando por continuar na actividade e sendo a garantía de mantemento dun rural vivo, pero para iso necesitan inversións case constantes nas súas explotacións para mellor o benestar animal, a redución de custos, as esixencias medioambientais, etc, polo que esta liña de axudas é fundamental”.

A organización agraria, por último, considera que o retraso da convocatoria de plans de mellora e axudas de incorporación debeuse a que a Xunta barallou a súa non convocatoria este ano. “A presión de Unións sobre Medio Rural logrou que se activara a convocatoria e que moitas granxas vaian poder acceder a esta liña de apoios que é fundamental”, conclúe.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información