Unións Agrarias advirte de que os gandeiros de Cervantes non cobraron as axudas da PAC 2018

A organización sinala que están sen emitir as actas correspondentes á inspección de superficies realizada no concello o pasado ano, o que está a retrasar todo o proceso. Urxe ó Fogga a rematar os trámites

Unións Agrarias advirte de que os gandeiros de Cervantes non cobraron as axudas da PAC 2018

Gando en extensivo en Cervantes, nos Ancares lucenses. / Arquivo.

Unións Agrarias asegura que a gran maioría dos gandeiros do concello de Cervantes están sen cobrar as axudas da PAC correspondentes ao 2018. O problema, sinala a organización, débese á inspección de superficies a que foi sometido o concello o pasado ano, da que aínda non se emitiron as correspondentes actas. Unións urxe ó Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) a rematar os trámites con axilidade, pois estase a retrasar tanto o cobro da PAC como a solicitude das axudas da campaña 2019.

A organización agraria lembra que nos meses de setembro e outubro de 2018 realizouse unha inspección de superficies no concello de Cervantes, o cal motivou que os gandeiros só cobraran unha pequena parte das axudas da PAC (as que non están vinculadas a superficie). Logo de facer estas inspeccións, débeselle entregar unha acta das mesmas ós gandeiros/as nas cales se reflexen as incidencias en caso de que as houbera, pero a día de hoxe os gandeiros nin teñen as actas nin data para recollelas, cando noutros concellos da comarca xa foron entregadas en febreiro.

A ausencia das actas está a retrasar o cobro das axudas correspondentes ó 2018 e dificulta as xestións das do 2019. Unións pídelle ó Fogga de Lugo que axilice os trámites.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información