Unións advirte de que o prazo para os plans de mellora deixa fóra a potenciais beneficiarios

Publicidade
Unións advirte de que o prazo para os plans de mellora deixa fóra a potenciais beneficiarios

O sector está pendente dunha posible ampliación do prazo de solicitude.

Unións Agrarias critica o que considera un “recorte encuberto” por parte da Consellería do Medio Rural. A organización agraria advirte de que o prazo dun mes fixado para as solicitudes de plans de mellora e de incorporación ó agro é insuficiente, polo que quedarán fóra moitas solicitudes. O prazo remata o luns 16 e segundo Unións, nas oficinas de Extensión Agraria nos últimos días xa se “está animando á xente a non presentar as solicitudes pola falta de tempo para tramitalas en prazo”.

Desde a organización agraria consideran limitado o prazo dun mes para a presentación das solicitudes, tendo en conta tamén que polo medio estaba a Semana Santa. Unións sostén que se trata dunha estratexia de Medio Rural para reducir as denegacións de expedientes, evitando xa así a súa presentación.

Desde o sector agrario, técnicos independentes que están tramitando estas mesmas axudas tamén constataran nos últimos días a imposibilidade de presentar tódalas solicitudes en prazo, polo que se espera que haxa unha ampliación de prazo por parte da Consellería.

A maiores do problema dos prazos, Unións cuestiona algúns dos cambios da convocatoria de plans de mellora deste ano, como a reducción da porcentaxe de investimento financiada pola Xunta, que pasou do 40 a un 30% “nun horizonte de mercado complexo para o agro”, incide Unións.

Por último, a organización reitera unha vez máis a necesidade de reducir os impostos que lle carga Facenda ás axudas de incorporación ó agro. “Faise caixa coas axudas, danllas por un lado ás explotacións e quítanllas polo outro”, cuestionan.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información