Unha gandaría de Taboada denuncia perdas de 400.000 euros en 10 anos a causa do xabaril

Unha gandaría de Taboada denuncia perdas de 400.000 euros en 10 anos a causa do xabaril

Millo estragado polos xabaríns

SAT SEIXAS, unha gandaría de vacún de leite de Taboada (Lugo), cun rabaño de 400 animais, denuncia que nos últimos 10 anos perdeu uns 400.000 euros a causa dos danos dos xabaríns nos seus cultivos.

En concreto, Manuel Arias Rodríguez, un dos socios desta granxa, explica que “desde o ano 2008, cando iniciamos a actividade, perdemos de media o 30% da colleita por mor dos ataques dos xabaríns”. Así, e tirando á baixa, multiplicando 20 hectáreas de media -cultivan 80 ha de millo forraxeiro- polos 1.200 euros por ha de custo medio de sementeira dunha hectárea de millo saen 240.000 euros de perdas, aos que suman o custo dos equipos e mecanismos utilizados como defensa, man de obra, vehículos, o custo de reposición do millo esnaquizado, o sacrificio de vacas afectadas da tuberculose porcina, co que elevan a cifra aos 400.000 euros.

E é que esta gandaría asegura que non escatimou esforzos á hora de establecer medidas de prevención dos ataques do “porco bravo”. “Dirixímonos aos TECORES da zona para que pedirlles que actuasen e cumprisen a súa obriga legal, pero como resposta recibimos a mofa, a falta de respecto e mesmo reaccións ameazantes. Realizamos un investimento millonario en instalar pastores eléctricos e petardeiras para protexer as leiras de millo e o xabaril acabou estragando os equipos, unha parte dos cales foron roubados, con denuncias ao respecto. E o último foi cercar toas as fincas con malla de peche para ovellas, un investimento moi custoso e cun mantemento moi caro que deu moi bos resultados o primeiro ano pero no segundo o xabaril soubo adaptarse e logrou destruír practicamente toda a malla instalada a pesar de utilizar foguetes, petardos, cans, no intento de disuadir ao animal dos seus ataques”, explica Manuel Arias Rodríguez.

“SAT SEIXAS tentouno de todas as formas posibles, dispón de malla de arame, malla eléctrica, pastores eléctricos, petardeiras, coches, persoal e aínda así na colleita de 2018 perdemos o 30% da produción”, denuncia.

Piden á Xunta batidas durante os períodos de colleita e que se os TECORES da zona non colaboran convidar a cazadores doutras localidades

Ante esta situación, esta gandaría enviou un escrito á Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de GALICIA para denunciar esta situación, lembrarlle á administración as súas responsabilidades e pedir unha actuación urxente e eficaz.

En concreto, desde SAT Seixas propoñen como posibles solucións “a cobertura dun seguro agrario para os danos causados polo xabaril así como incrementar as batidas chegando a realizalas, na medida do posible, de forma diaria nos períodos de colleita”.

Así mesmo, piden que cando se realiza a recolección organizar esperas nocturnas parcela a parcela. Por último, demandan que “se para o caso de que os socios dos TECORES involucrados non mostren predisposición a colaborar cursaranse invitacións a persoas doutras localidades e así, dunha vez por todas, tentar pór punto final a esta secuela socioeconómica”.

Descarga aquí o escrito presentado ante a Xunta por SAT Seixas

Dano nas pradeiras temporais sementadas este outono: 

xabarin_seixas_prados xabarin_seixas_prados_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información