Un consorcio galego deseña unha planta de biogás para granxas de porcino e vacún

O proxecto busca abaratar os custos da tecnoloxía, orientándose a unha instalación modular pensada para as explotacións da comunidade. Terá capacidade para tratar un metro cúbico ó día

Un consorcio galego deseña unha planta de biogás para granxas de porcino e vacún

O sistema oriéntase a granxas con 500 porcos ou 100 vacas.

A xestión dos xurros constitúe un problema para as granxas máis intensivas e con menor base territorial, sobre todo as de porcino. Para afrontar a eliminación de parte dos puríns, unha alternativa consiste na súa transformación en biogás, se ben o custo da tecnoloxía só permitiu polo de agora en Galicia iniciativas piloto como as de Mouriscade (Lalín) ou Gayoso Castro (Castro de Rei). Un consorcio galego está agora a deseñar unha planta de biogás que pretende que sexa accesible para as granxas da comunidade.

A iniciativa oriéntase a fabricar un prototipo de instalación modulable pensada para granxas de porcino de 500 cabezas ou para as de vacún de 100 animais No proxecto participan as firmas de enxeñería GV Soluciones e Indutec, así como o centro de investigación Energylab, a empresa Agroamb, especializada na xestión de residuos, e a Universidade de Santiago. Contan tamén co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain).

O obxectivo consiste en fabricar un prototipo, que xa se está a montar, para probalo e optimizalo en campo, en concreto nunha granxa lucense de porcino. Cando remate o proxecto, no ano 2019, espérase ter a tecnoloxía afinada para a súa posta en marcha nas explotacións que poidan estar interesadas.

Características
A planta de biogás, de carácter compacto, terá unha dimensión total de 10 metros cúbicos e capacidade para tratar arredor dun metro cúbico de purín ó día. Preténdese que teña un custo accesible, en torno ó 50% do prezo dunha instalación media en Galicia, e que sexa facilmente transportable e instalable.

O sistema inclúe un pretratamento a 70 graos da parte sólida dos xurros para degradar a materia orgánica

O sistema de funcionamento ten unha primeira fase de separación da parte líquida do purín, que pasa directamente a un dixestor anaerobio, e da parte sólida. A parte sólida someterase a un pretratamento dunha hora a 70 graos para facilitar a degradación da materia orgánica. Posteriormente introducirase tamén no dixestor anaerobio, onde os microorganismos procederán á transformación da materia orgánica en biogás.

“O proceso xa foi testado en laboratorio con bos resultados” -explica a investigadora Mónica Figueroa, de Energylab-. “Agora estase a construir xa un prototipo da planta a tamaño real para probalo nunha granxa de porcino co obxectivo de optimizar a instalación e de evaluar o aproveitamento do biogás”.

O biogás obtido poderase reutilizar para xeración de enerxía eléctrica, con destino ao autoconsumo, ou para o quecemento de auga, co cal o beneficio da planta é dobre. Dun lado, ofrece unha solución á xestión de xurros e por outro proporciona unha enerxía renovable para a granxa. Permite ademais que as explotacións reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro, como o metano.

O proceso deixa tamén unha parte sólida, que se pode usar a modo de fertilizante orgánico que presenta mellores características que o xurro de orixe, e unha fracción líquida limpa, de fácil xestión na propia explotación.

Una idea sobre “Un consorcio galego deseña unha planta de biogás para granxas de porcino e vacún

  1. Fran Reigosa

    Por que non esperades a ver os resultados de Biogastur, en Asturias que xa leva un bó tempo de retraso…

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información