Últimas semanas para presentarse ó programa de emprendemento agroalimentario da Fundación Juana de Vega

Os interesados en desenvolver un proxecto nos sectores agroalimentario, forestal ou pesqueiro poden concurrir á convocatoria, que apoia o desenvolvemento e posta en marcha das iniciativas

Últimas semanas para presentarse ó programa de emprendemento agroalimentario da Fundación Juana de Vega

Beealia, un dos proxectos que participou nunha edición anterior do programa./ Imaxe: Beealia.

A Fundación Juana de Vega mantén aberto ata o 31 de decembro o prazo para presentarse ó seu programa de emprendemento agroalimentario, unha iniciativa que trata de apoiar ás persoas que queiran desenvolver un proxecto empresarial nos sectores agroalimentario, forestal e pesqueiro de Galicia. O programa, que acada este ano a súa cuarta edición, axuda ós emprendedores a desenvolver a súa idea e a materializala nunha empresa real e competitiva.

De entre os proxectos que concurran ó programa, a Fundación Juana de Vega seleccionará un máximo de 32 para participar na primeira fase da iniciativa, que consistirá nun obradoiro empresarial no que os emprendedores, asistidos por consultores especializados, reflexionarán sobre aspectos clave da súa idea empresarial e desenvolverán a estrutura do seu modelo de negocio (segmentos de clientes, canles comerciais, estrutura financieira, etc.).

Logo da primeira fase, que será en febreiro do 2016, a Fundación seleccionará un máximo de 10 anteproxectos para participar na segunda fase, entre marzo e xuño do 2016, na que se lles prestará ós seleccionados asistencia técnica para perfilar o seu plan de empresa.

Os emprendedores dispoñen de consultorías individuais e de asistencia técnica para poñer en marcha o seu negocio

A fase final, que se desenvolverá entre xuño e outubro do 2016, enfócase á posta en marcha do proxecto. Os emprendedores disporán estes últimos meses de titorías individuais de consultoría e de apoio e asistencia técnica en todas aquelas cuestións que requira o seu plan de negocio.

Empresas de nova creación e sucesións
A participación do programa é de balde na primeira fase, en tanto que os proxectos participantes nas fases 2 e 3 deberán aboar unha cota de inscripción de 100 euros para garantir a súa vinculación e compromiso coa iniciativa.

Poden participar no programa de emprendemento agroalimentario aquelas persoas que queiran poñer en marcha unha iniciativa nos sectores agroalimentario, forestal ou pesqueiro de Galicia, tanto no caso de empresas de nova creación ou en fase de lanzamento como en situacións de sucesión ou recuperación de empresas ou explotacións familiares.

A Fundación Juana de Vega seleccionará para o programa aqueles proxectos que presenten un alto grao de diferenciación, baseado na calidade e na innovación, que teñan unha clara orientación ó mercado e que poñan en valor os recursos do territorio.

Máis información
Web do IV Programa de emprendemento agroalimentario da Fundación Juana de Vega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información