Tres frontes abertas na batalla por mellorar a fiscalidade do agro

O Consello Agrario de Galicia acorda a constitución dun grupo de traballo que buscará solucións para reducir os gravames sobre as persoas mozas que se incorporan ó agro. As transmisións familiares de dereitos da PAC e a agricultura a tempo parcial, outros eixos nos que se traballará

Tres frontes abertas na batalla por mellorar a fiscalidade do agro

Reunión hoxe do Consello Agrario.

O malestar existente no agro con Hacienda por algúns dos impostos que arrastra o sector constitúe desde este venres a prioridade de traballo do Consello Agrario Galego, un órgano consultivo da Administración participado pola Consellería do Medio Rural, organizacións agrarias e cooperativas. A reunión do Consello Agrario deste venres saldouse cun acordo unánime para crear un grupo de traballo que aborde con Hacienda e Seguridad Social melloras para a fiscalidade do agro.

A primeira cuestión a abordar serán os impostos que recaen sobre as persoas mozas que se incorporan ó agro. A base de traballo son as recentes resolucións do Tribunal Económico – Administrativo de Galicia que obrigan a que Hacienda devolva parte dos impostos que lle cobrou a arredor de 2.000 persoas mozas que se incorporaron ó agro en Galicia desde o 2014.

“Os cartos que Bruxelas envía para promover o relevo no agro acaban financiando a Hacienda. É algo sen sentido que temos que cambiar” (Roberto García, Unións Agrarias)

As resolucións do Tribunal Económico Administrativo, logradas tanto por Unións Agrarias coma polo Sindicato Labrego, recoñecen que as axudas para incorporación deben tributar como axudas de capital para investimentos, non como axudas correntes. O cambio de clasificación permitirá que as persoas mozas que se incorporaron no 2014-2015 recuperen ata un 30-40% dos impostos que lles cobraron indebidamente. Para a xente incorporada a partir do 2016, as devolucións serán menores pero tamén se verán beneficiadas do proceso de devolución. En total, a Xunta calcula que haberá uns 2.000 beneficiarios da devolución.

O problema agora está en que Hacienda se nega a facer as devolucións de oficio, polo que salvo que cambie de criterio, será precisa a apertura de procesos contencioso – administrativos caso por caso. O grupo de traballo creado no Consello Agrario ten previsto manter unha reunión con Hacienda para abordar esta situación e buscar solucións que faciliten a devolución dos cartos.

“Esta é unha primeira cuestión a resolver con Hacienda, pero haberá que ir máis alá e eliminar por completo os impostos das axudas de incorporación. Non ten sentido que Bruxelas dea uns cartos para promover o relevo xeneracional no agro e que eses fondos acaben financiando nunha parte importante a Hacienda”, cuestiona o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

O problema das licencias nas axudas de incorporación e plans de mellora
O debate no Consello Agrario sobre as axudas de incorporación foi aproveitado polo Sindicato Labrego para trasladar outro dos problemas que preocupa no sector, a esixencia de licencias de obra na presentación das solicitudes de axudas de incorporación e plans de mellora. “É algo que vimos reclamando tódolos anos e que sería sinxelo de cambiar. As licencias deberíanse pedir á hora de certificar a obra para o cobro da subvención, non no intre da solicitude, xa que hai moitos solicitantes que non van ter a licencia a tempo”, cuestiona a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

A organización agraria lembra que hai Administracións como a Confederación Hidrográfica que tardan meses en contestar as solicitudes de licencias, polo que estas non estarán a tempo. “A solución que nos propón a Xunta, que non é tal solución, é que se pidan as licencias cun ano de antelación”, sinala isabel Vilalba.

Cesións de dereitos intrafamiliares
Outra cuestión que puxeron sobre a mesa as organizacións agrarias é a da cesión familiar de dereitos da PAC, ben a un fillo, ben á parella do titular da explotación cando este se xubila. “É simplemente un cambio de titular dos dereitos na mesma explotación, pero non hai venda nin beneficio por ningún lado. É un caso totalmente distinto dunha venda de dereitos a un terceiro, polo que non ten sentido que a Axencia Tributaria pida que as cesións intrafamiliares de dereitos se computen como unha gañancia patrimonial”, explica o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

“As Administracións adícanse a poñerlle atrancos á xente que traballa no campo, interpretando a lexislación en contra das necesidades do agro” (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)

Cotizacións e fiscalidade na agricultura a tempo parcial
Un terceiro punto a abordar con Hacienda e Seguridad Social será o tratamento das persoas que traballan a tempo parcial na agricultura, un sector que ten gran importancia en Galicia en sectores coma o viñedo, a horta, a castaña ou as mazás, entre outros. “Son persoas que non poden cotizar a tempo completo, pero que están desempeñando unha gran función no territorio que hai que facilitar. Estámonos atopando unha e outra vez con que a Administración interpreta a lexislación dun xeito que non ten nada que ver coas necesidades do sector e que representa atrancos para as persoas que queren traballar no agro”, cuestiona a responsable do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

Tanto o Sindicato Labrego coma Unións Agrarias valoran en positivo que se acadara un consenso no Consello Agrario para abordar as cuestións de fiscalidade que preocupan no agro. Desde o Sindicato Labrego destácase a creación dun grupo de traballo que fará unha labor continúa e estase “á expectativa dos resultados”. Por parte de Unións, valórase tamén en positivo o cambio de criterio da Consellería, pois lembran que durante a última parte do goberno de Rajoy “o grupo popular votou no Parlamento español en contra de mellorar a fiscalidade para as persoas que se incorporan”.

Decreto de emisións e axudas agroambientais a partir do 2020

O borrador do plan estatal de emisións de gases de efecto invernadoiro, que castiga ó vacún en beneficio doutros sectores, coma o porcino, foi tamén abordado hoxe no Consello Agrario a iniciativa do Sindicato Labrego. “É unha cuestión que nos preocupa, pois perxudica á gandería galega, pero sorprendeunos que a Consellería nos dixera que ninn era coñecedora do tema nin tiña un borrador do proxecto”, cuestiona Isabel Vilalba.

O Sindicato Labrego instou tamén á Xunta a buscar solucións para que as axudas agroambientais non se perdan ningún ano na transición do actual ciclo da PAC, ó seguinte, que previsiblemente farase en torno ó 2021. “Débense reprogramar os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural ou aportar fondos propios para que non se perdan estas axudas ningún ano en Galicia, tal e como xa están facendo comunidades veciñas. Para ganderías que traballan en ecolóxico ou con razas autóctonas son unha aportación fundamental para a súa viabilidade”, advirte Vilalba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información