“A tracción animal permíteche chegar onde a máquina é lesiva ou pouco rentable”

A Asociación Galega de Tracción Animal celebrou recentemente o primeiro encontro en Lobios no novo centro de interpretación deste tipo de labranza con animais en Galicia. Falamos co seu presidente, Davide Outeiro, para coñecer máis sobre a recuperación desta práctica no sector agroforestal

“A tracción animal permíteche chegar onde a máquina é lesiva ou pouco rentable”

Davide Outeiro, presidente da Asociación Galega de Tracción Animal, AGATRAN.

Hai pouco máis de dous anos que a Asociación Galega de Tración Animal, Agatran, comezou a funcionar, fondamente vinculada á Asociación Portuguesa de Tracción Animal, Aptran, coa que boa parte dos socios galegos se aproximaron a este modo de traballar e coa que aínda manteñen unha estreita colaboración.

Agora este colectivo, que conta con máis de 30 socios e que mantivo neste tempo unha ampla actividade formativa e divulgativa, vén de celebrar o primeiro encontro no Centro de Interpretación da Tracción de Animal de Lobios, Citran, que acaban de rematar e que se converterá na sede do colectivo. Falamos co seu presidente, Davide Outeiro, sobre as posibilidades da tracción animal na actualidade.

Que posibilidades ofrece volver á tracción animal?
Non se trata de volver, senón máis ben de retomar o uso desta ferramenta. Houbo un corte moi importante, que afectou non só á tracción animal, ó cambiar dun modelo que prácticamente non tiña evoluido dende a Idade Media a un modelo agrícola importado que non se adaptaba nin ás condicións sociais, económicas ou territoriais de Galicia. Nós non queremos volver a nada, nin queremos competir coas máquinas, só pretendemos retomar unha ferramenta máis e verificar en que espazos é viable.

“Os belgas non perderon o seu cabalo Ardenés porque o modelo forestal que tiñan mantivo esa raza viva, ó ser a ferramenta máis rentable”

Para que traballos pode ser entón viable a tracción animal?
No ámbito forestal, se o modelo que se segue é similar ó dos belgas, baseado nas entresacas, neses 10 metros de entresacas o cabalo gaña á maquina. Os belgas non perderon o seu cabalo Ardenés porque o modelo forestal que tiñan mantivo esa raza viva, xa que era a ferramenta máis rentable. Nas entresacas empregan o cabalo e cando os fustes están próximos ós camiños xa empregan maquinaria porque é máis rentable. Namentres, aquí cando fan ese tipo de sacas, moitas veces van persoas cos cables, cunha perda moi grande de efectividade. No sector forestal, o nicho no que máis éxito imos ter aquí é nos traballos medioambientais, mentres non haxa un cambio de modelo, ou para temas concretos, como a extracción de fustes singulares.

Traballos forestais con cabalos realizados nunha sesión formativa da asociación.

Traballos forestais con cabalos realizados nunha sesión formativa da asociación.

Tamén na viticultura ten unha oportunidade clara a tracción animal polo marco de plantación da viña, que permite empregala e ofrece a posibilidade de respectar cepas vellas de elevado valor. Na Rioxa xa foron operarios galegos a traballar con tracción animal, xa que as condicións do viñedo facilitan o uso de cabalos e as melloras que pode aportar na compactación do solo para a viña son indubidables, con altas producións e carácter ecolóxico.

Sen dúbida na horta, nunha produción ecolóxica, debe primar a tracción animal a que se empregue o tractor. En Galicia temos exemplos como os de Mimá, produtores de Allariz que levan anos traballando con tracción animal, logo de formarse neste uso nos cursos da Aptran e tamén con sesións promovidas pola asociación. Están producindo dun xeito rentable e cun valor ecolóxico. Se cadra, é máis viable que o emprego dun tractor.

Tamén se podería empregar para os servizos urbáns. En Francia é moi común que haxa servizos contratados para facer con cabalos, como limpeza en xardíns, recollida de lixo en cascos históricos ou mesmo transporte escolar. Non se entende meter un microbus nun casco histórico, onde sería mellor empregar unha raza autóctona. Estas opcións non teñen nada que ver con determinados usos turísticos que se están a facer, onde pode haber unha explotación do animal que rexeitamos por completo, xa que sempre priorizamos o benestar dos animais e das persoas.

“Non é só a efectividade, senón tamén o baixo impacto que ten e a gratificación por traballar dun xeito o menos invasor posible”

Como se reciben as propostas da Asociación?
Estamos tendo moi boa resposta. Ás veces o que nos falta son apoios para atender esa demanda. A xente ó principio pode pensar que se trata dun retroceso, pero logo cando ven o traballo realizado quedan moi gratamente sorprendidos, como foi o caso da actuación que fixemos na Illa de Cortegada, un dos traballos máis importantes, onde retiramos os eucaliptos da illa con tracción animal. Non é só a efectividade senón tamén o baixo impacto que ten e a gratificación por traballar dun xeito o menos invasor posible. Moitas veces a tracción animal permíteche chegar dunha forma máis precisa onde a máquina é lesiva ou mesmo pouco rentable, case dun modo quirúrxico. Non hai tanta boa acollida dende un punto de vista burocrático, posto que o sinxelo é optar polo que xa está establecido, que é a maquinaria, e os trámites adoitan demorarse moito.

“Na tracción animal moderna a premisa principal sempre é o benestar dos animais e a mellora desas condicións”

Tedes recibidos críticas por defender este tipo de traballo con animais?
Moitas veces isto é por descoñecemento. Nós somos os primeiros en defender o benestar dos animais, xa que non se pode traballar dunha forma ética e profesional se non se garante un bo estado para eles e tamén para as persoas. No pouco que levamos de ano, xa xestionamos a adopción de 3 animais que xa estaban “xubilados” e non podían seguir traballando. Na tracción animal moderna, a premisa principal sempre é o benestar dos animais e a mellora desas condicións, regulando as horas ou o tipo de traballo. De feito, nós estamos traballando no asesoramento nese senso porque hai prácticas que non se poden consentir, funcionamos a modo de “sindicato” para os animais. No mundo temos 30 millóns de tractores contra 300 animais de traballo e tentar abolir o traballo con animais sería unha catástrofe, como xa está ocorrendo en África onde se deixan de empregar burros e no canto de traballar con eles, se están sacrificando para o mercado da medicina tradicional en China.

“Calquera animal, dende unha vaca Limiá ata un cabalo Galego, pode ser válido para este xeito de traballar, sempre que se estude cada caso”

Que animais están capacitados para traballar deste xeito?
No panorama europero hai exemplos moi variados pero sempre hai que adaptarse ás condicións do terreo e do animal. Non se lle pode pedir a un animal un traballo que non estea adaptado ás súas características. Tampouco se poden facer determinados traballos dependendo do terreo. Aquí pedíronnos que actuásemos en terreos queimados, moi pedregosos e con restos vexetais moi aguzados e nese terreo non se pode entrar cos animais. No resto da península e en Europa o que triunfou foi o cabalo pesado pero hai posibilidades para outros animais, hai que estudar esas posibilidades de cada un e iso é o que pretendemos como asociación, protexendo as razas, máis aló da pura subvención, nun contexto de respecto ó animal e de xustificación científica. Calquera animal pode ser válido sempre que se estude cada caso, dende unha vaca Limiá ata un cabalo Galego.

Como conseguir poñer a traballar animais que non están acostumados a labrar a terra ou a cargar con paus?
Nós ofrecemos asesoramento e contamos con profesionais que están especializados en ofrecer esa formación. Tanto nas nosas asociacións como no resto de Europa hai un número considerable de xente que se está dedicando a isto profesionalmente. Un dos ámbitos que está a ter máis demanda é o traballo en viñedos. Na zona da Rioxa e da Ribeira do Douro as adegas están a demandalo e tamén convidamos ás adegas galegas a que se poñan en contacto con nós porque a día de hoxe temos persoal, animais e apeiros para comezar a facer probas.

“Na Rioxa e na Ribeira do Douro trabállase con cabalos. Nós temos persoal, animais e apeiros para facer probas nos viñedos galegos”

Segue entón a ser a tracción unha alternativa noutras zonas?
Os europeos nunca deixaron de empregar a tracción animal e foi a maneira de que conservaran moitas razas autóctonas sen necesidade de subvencionalas ou rescatalas do abismo xenético. Eles simplemente valorizaron o seu uso. A razas Ardenesa e Bretona, ó igual que moitas outras que podemos atopar no panorama europeo, conserváronse grazas á súa viabilidade económica como forza de traballo.

Houbo tamén evolución dos apeiros?
Dende logo. Nos países europeos que continuaron empregando este tipo de tracción houbo unha importante evolución dos métodos de uso. Non se está a traballar xa con arados de pau, que poden representar un estrés e malestar tanto para os animais como para as persoas. Nós imos tamén nesa liña e, ademais, estamos abertos a seguir evolucionando e investigando. Hai pouco, a Aptran colaborou con Donkey Sanctuary e o Instituto Politécnico de Bragança nun proxecto para a mellora dos arreos nos burros, xa que adoitaban empregarse arreos de cabalos que non se adaptaban ben ás necesidades destes animais.

_Burro-zamorano-Agatran_-

Un dos burros zamoranos da asociación.

“Queremos que o Citran sexa o lugar de referencia a nivel ibérico en temas de tracción animal, tanto para informarse como para formarse”

Recentemente celebrastes o primeiro encontro da Tracción Animal e inaugurastes tamén o Centro de Interpretación da Tracción Animal, Citran, con que obxectivos xurde este centro?
Nestes últimos anos fixemos moitas accións deslocalizadas que supoñen un custo moi elevado, polo transporte dos nosos animais ou o desprazamento de formadores cos seus animais. Foi entón cando empezamos a traballar para contar cun centro que servira para a formación e o destaque. O máis doado foi facer un centro de interpretación. Queremos que o Citran sexa o lugar de referencia a nivel ibérico en temas de tracción animal e que, quen estea interesado na materia e queira saber sobre a tracción animal poida vir aquí para informarse e formarse. Tendo actividade de forma continuada e xestionando o territorio que rodea este centro, queremos poder ofrecer esa formación sobre a xestión con animais en diferentes campos, como pode ser a horticultura, a viticultura ou o forestal.

Que superficie manexa o centro?
Acabamos de rematalo aínda a finais do 2018, estamos comezando. Agora estamos xestionando os terreos que nos van deixando os veciños. En principio, o simple feito de que pastoreen os animais xa loita contra o abandono. Temos controlado a matogueira en terreos privados só co que pacen os nosos animais, o que, ademais, é un avance no tema de incendios. Os traballos hortícolas polo de agora non van máis alá destas áreas da veciñanza, pero aspiramos a controlar arredor dunhas 15 hectáreas de terreos abandonados. Pretendemos avaliar o grao de abandono que hai agora mesmo e ver como a nosa acción, ó cabo dos anos, pode procurarnos un modelo alternativo de produción. Para esta investigación contamos tamén coa colaboración das universidades galegas de Compostela e A Coruña e a portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro, xunto co Instituto Politécnico de Bragança.

“Nesta primavera imos ter tres cabalos pesados (un Bretón, un Ardenés, e un Hispano-bretón) e catro burros Zamorano-leoneses”

Cantos animais tedes agora mesmo e cales son as vosas previsións?
Agora temos un cabalo pesado e tres burros zamoranos. Nesta primavera imos ter tres cabalos pesados (un Bretón, un Ardenés, e un Hispano-bretón) e catro burros Zamorano-leoneses para facer tanto as accións propias do Citran como control e mantemento dos terreos abandonados que nos rodean.

Que actividades programades dende a asociación a curto prazo no centro?
Entre os eventos propios do colectivo galego e portugués, temos unha programación cunha actividade ó mes. Tamén imos participar na asamblea anual da Federación Europea de Cabalo de Tiro, Fectu, en Polonia, e tamén acudiremos á feira bianual que hai en Alemaña, a Pferdestark. Temos un curso de horta, outro de viño e outro de forestal. Tamén participaremos en citas como o Raigame, en Vilanova dos Infantes (Ourense).

Por que decidistes situalo Citran en Lobios?
O feito de estar na reserva da biosfera do Xurés-Gerés dános ese carácter transfronteirizo e co que podemos abordar conceptos como a conservación do medio, dos solos e a auga, xa que é o sitio ideal para aunar todo iso. Ó mesmo tempo, tamén nos dá unha visión da xestión dun medio rural que, víctima de modelos que non foron acertados levounos á situación que vive hoxe en día o interior de Galicia e Portugal, cunha forte caída da taxa de poboación, unha perda de usos do territorio así como unha desvalorización.

Pode ser a tracción animal parte da solución para estes problemas do rural galego?
Nós plantexamos a tracción animal e o Citran como unha ferramenta máis. Non aspiramos tampouco a ser a panacea para esta situación do rural galego pero pode ser unha canle para ofrecer un modelo de xestión alternativo con baixo investimento e con alta taxa de retorno, que sexa rentable e sostible dende un punto de vista ambiental e económico.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información