Todas as concas fluviais de Galicia Costa, en prealerta pola seca

Medio Ambiente constata desde decembro niveis anormalmente baixos dos cauces fluviais, se ben o abastecemento está garantido ao presentar os encoros unha mellor situación

Todas as concas fluviais de Galicia Costa, en prealerta pola seca

Comparación do caudal do río Ulla no periodo outubro - abril en comparación coa media histórica.

A falta de chuvias que atravesa Galicia desde o outono pasado está a plasmarse na escasez de auga nos cauces fluviais, que presentan niveis anormalmente baixos en comparación coa súa media histórica. Os problemas xeneralizáronse no mes de decembro, cando Medio Ambiente decidiu activar a situación de prealerta en todas as concas fluviais de Galicia Costa. En meses anteriores, só había tres zonas en prealerta, o río Verdugo (Vigo), a área da costa de Pontevedra e o río Castro.

No que vai de ano, os meses de xaneiro e de abril destacaron polas súas escasas precipitacións. O de abril, a falta de pechar as estatísticas, será probablemente o mes de abril con menores chuvias desde que se teñen rexistros. Con todo, os niveis dos encoros adicados ó abastecemento de auga sitúanse en niveis normais, polo que o suministro semella garantido nos próximos meses en toda a área de Galicia Costa.

Polo de agora tampouco se teñen detectado problemas de abastecementos no medio rural, se ben desde as organizacións agrarias advirten de que os niveis anormalmente baixos da capa freática de auga están a orixinar xa problemas puntuais de abastecemento en explotacións gandeiras.

Situación no Ulla

As consecuencias da seca plásmanse sobre todo nos niveis medios de auga das concas dos ríos. Se se analiza a gráfica de caudal do río Ulla, apréciase que no periodo outubro-abril, só superou puntualmente a súa media histórica nun intre de altas precipitacións, en tanto a maior parte do tempo mantívose arredor dun 40% por baixo dos seus niveis habituais.

Desde Medio Ambiente lanzan un chamamento á poboación e ós Concellos para o aforro de auga. A Administración está a analizar conxuntamente con Meteogalicia as perspectivas de precipitacións para os próximos meses. De continuar a seca, haberá problemas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información