“Temos que volver a costumes do rural como a axuda mutua ou a autoxestión”

Entrevista aos organizadores do II Festival Agrogay da Ulloa que se celebra este sábado na Granxa Maruxa, en Monterroso (Lugo).

Publicidade
“Temos que volver a costumes do rural como a axuda mutua ou a autoxestión”

Os organizadores do II Festival Agrogay da Ulloa

Este sábado celébrase na Granxa Maruxa, en Monterroso (Lugo), o II Festival Agrogay da Ulloa, unha iniciativa que ten como obxectivo amosar un rural galego diverso, afectivo e sexualmente, e dar valor a outros principios como a sustentabilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecoloxismo. Entrevistamos aos organizadores deste festival.

Por que nace o Festival Son Agrogay?
Pola necesidade de visibilizar un rural diverso e respectuoso co medio ambiente. Tamén para agradecerlle ao campo todo o que nos dá sen pedirnos nada a cambio.

Cal foi o motivo polo que elixistes un concello eminentemente rural e gandeiro como Monterroso?
A Comarca da Ulloa é un sitio moi especial, e que sexa o centro de Galicia implica unha enerxía telúrica especial, ademais da comodidade que implica vivir no centro da Comunidade Galega.

Segue resultando difícil ser gay ou  LGBT no rural, e en Galicia en particular, e, sobre todo, visibilizalo?
Non, por suposto que non. O complicado é chegar a quererse e a respectarse individualmente. Cando consegues isto, eres respectado en calquera medio.

Ata hai ben pouco ser gay no pobo no que naciches era máis problemático que vir de fora e asentarse no rural. Segue sendo así?
Isto dependerá do entorno familiar e cultural do que cada un proveña. Depende de cada un de nós enfrontarse a isto.

O pasado ano houbo unha manifestación en Valladolid con motivo do Orgullo LGBT e o lema era “Queremos quedarnos”, no rural. A homofobia e/ou as dificultades seguen provocando o éxodo dos gays do medio rural no que naceron?
O éxodo rural non depende da sexualidade das persoas, senón da mala xestión administrativa, que non fai posible que habitemos nun medio apto para vivir tendo a profesión que teñas, ou a sexualidade que teñas.

Dentro do programa de actividades da II Edición do Son Agrogay figura a construción colectiva dunha axenda LGTBIQ para o rural. Cales serían os principais puntos desta axenda na túa opinión?
A implicación da administración pública para que sexa posible un rural diverso, afectiva e culturalmente falando; volver aos costumes que por séculos funcionaron no medio rural e que se están deixando de facer, como son a axuda mutua, o folclore, a autoxestión… etc.

 “Temos que volver a costumes do rural como a axuda mutua ou a autoxestión”

Ser mozo, gay e decidir vivir no rural e da agricultura require fortaleza e convicción. Que vos levou a tomar esta decisión?
Levounos a tomar esta decisión o amor profundo pola natureza e as nosas costumes. Os plans de futuro sempre son incertos, pero no rural lévanse mellor. Tes moitos seres aos que lle preguntar: árbores, musgo, pedra… todos teñen respostas.

Estes días sucédense as protestas das explotacións lácteas, un dos piares do mundo rural galego. Como valorades a situación actual do agro galego e cara onde debería ir o seu futuro?
A política deste país funciona realmente mal, non só no lácteo, senón en calquera cousa que afecte ás pequenas empresas. Temos que ser fortes e loitar polo noso. Hai que deixar de confiar en políticos que só cren no amor polos cartos (“Nao me amarra dinheiro nao, so fermosura, dinheiro nao”, Caetano Veloso).

Que lle recomendariades a un mozo/a, LGBT ou non, que decida vivir no rural galego e da agricultura?
Que se mostre tal e como é, que respecte ao medio e que se esforce por melloralo, participando xunto aos veciños de maneira colectiva nas labores rurais (limpando camiños, fontes esquecidas, montes comunais, etc.). E, por suposto, que veña ao Festival.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información