Sistelo, o ‘pequeno Tibet portugués’, mira a Galicia para potenciar o seu rural

Unha comitiva procedente da aldea lusa, famosa polos seus socalcos, visita na comunidade iniciativas gandeiras, forestais e turísticas co obxectivo de incorporar ideas ós seus proxectos

Sistelo, o ‘pequeno Tibet portugués’, mira a Galicia para potenciar o seu rural

A comitiva de Sistelo na súa visita ós montes de Zobra (Lalín) onde, entre outros puntos, visitaron unha alvariza.

Sistelo é unha pequena localidade do norte de Portugal, unha das freguesías (parroquias) de Arcos de Valdevez, situada no parque nacional da Peneda – Gerês. É coñecida como o ‘pequeno Tibet portugués’ polos socalcos que conforman a súa paisaxe e que gardan tamén certa semellanza coa Ribeira Sacra.

Con pouco máis de 200 habitantes, as seis aldeas que forman esta localidade atópanse inmersas nun proxecto para definir as estratexias de futuro para o desenvolvemento sostible da zona.

Traballan nun proxecto para definir estratexias de futuro coas que lograr un desenvolvemento sostible da zona

“É un proxecto que procura que tódalas partes traballen en conxunto para atopar solucións para no futuro manter a actividade económica e a calidade de vida”, explica Joana Nogueira, coordinadora do equipo técnico do proxecto Acontece in Loco – Montanha do Alto Minho.

No marco desta iniciativa que comezou no 2018 -financiada polo Plan de Desenvolvemento Rural-, unha comitiva de Sistelo visitou recentemente Galicia para coñecer algúns dos proxectos que se están levando a cabo no campo galego, tanto por parte de iniciativas privadas como por comunidades de montes veciñais.

Con esta experiencia, puideron ver como están a traballar co obxectivo de incorporar ideas os seus propios proxectos. A viaxe serviulles, ademais, para ratificar as semellanzas que hai entre os dous territorios e as dificultades que afrontan os produtores e veciños das zonas rurais.

Implicar a tódalas partes

A visita a Galicia é unha das liñas de traballo coa veciñanza que se están a realizar no marco do proxecto. O equipo do proxecto xa organizou charlas e encontros nos que está a implicar ós veciños e ás distintas entidades que operan na zona. “Este é un proxecto inmaterial, por iso estamos, sobre todo, falando coa xente”, puntualiza Joana.

Joana Nogueira, coordinadora: “Moitos proxectos deseñan estratexias de costas á xente. Nós tentamos facer todo o contrario”

Por este motivo, na visita participaron veciños de Sistelo e representantes de colectivos da zona. Son un grupo heteroxéneo: gandeiros, agricultores, apicultores, representantes da cooperativa agraria e comuneiros dos montes veciñais en mancomún (coñecidos en Portugal como montes de baldio), así como persoal do equipo técnico do proxecto.

“Moitos destes proxectos deseñan estratexias de costas á xente, con pouca participación de quen vive alí. Son ideas que veñen de fóra. Nós estamos intentando facer todo o contrario. Queremos que as propostas saían dos propios veciños e do coñecemento da súa realidade”, indica Nogueira.

Biocoop-gando-visita-Sistelo-

O grupo estivo vendo como traballan na cooperativa Biocoop.

Coñecer o monte de Zobra e Biocoop

En Galicia, coñeceron o traballo que están a facer na cooperativa gandeira Biocoop, de Verín (Ourense), e en concreto, algún dos gandeiros integrados nela. Gracias á colaboración da Universidade de Vigo visitaron tamén a comunidade de montes veciñais de Zobra, en Lalín (Pontevedra).

Ó longo de dúas xornadas interesáronse polo aproveitamento que están facendo a nivel gandeiro, turístico e medioambiental estas dúas iniciativas galegas. Precisamente, quixeron centrar a visita nestes dous proxectos para coñecer de preto tódolos pormenores da súa xestión polas similitudes que gardan coas características de Sistelo. “Buscabamos exemplos que nos fosen próximos tanto nos problemas que afrontan como nas posibles solucións”, explica.

As ganderías de cachenas e razas autóctonas son o sector máis importante hoxe en Sistelo

As ganderías de cachenas e razas autóctonas son a principal actividade produtiva de Sistelo a día de hoxe o que motivou que se interesasen en coñecer o funcionamento de Biocoop e o manexo que fan estes gandeiros galegos na montaña de Ourense. “Queriamos que os produtores viran por eles mesmos como traballan nestas zonas”, ratifica Nogueira.

Unha das principais diferenzas que sorprenderon ós portugueses foi a dispoñibilidade de monte para o gando. “En Sistelo non hai monte para todos gandeiros que hai”, apunta un dos participantes na visita.

Visita-portugueses-comunidade-montes-Zobra-

Persoal da comunidade de montes de Zobra comparte a súa experiencia co grupo de Sistelo.

No caso de Zobra, a recuperación e aproveitamento para fins turísticos que fixeron na comunidade de montes das antigas casas mineiras foi un dos principais motivos que os achegaron á zona, ademais dos roteiros de sendeirismo que deseñaron polos seus montes.

Unha vez na zona, foron coñecendo a súa aposta pola biodiversidade e a multifuncionalidade do monte. A comunidade de montes de Zobra conta con pequenas plantacións de piñeiros e acaba de realizar unha plantación de castiñeiros para froito.

Ademais, a comunidade ten convenios con gandeiros do lugar para que o gando poida aproveitar parte dos montes veciñais. De feito, a comitiva visitou unha destas ganderías que traballa tamén con cachenas.

Equilibrio entre o turismo e a gandería

Un dos principais retos para Sistelo na actualidade, que pretenden encamiñar con este proxecto, é a convivencia de distintas actividades vinculadas ó territorio, principalmente da gandería e o turismo.

Os socalcos son un atractivo que xera un importante fluxo turístico que tentan aproveitar e facer sostible

Nestes momentos, a localidade está a vivir un importante boom turístico polo atractivo da súa paisaxe en socalcos. Precisamente, recibiu a distinción como Paisaxe Cultural na categoría de Monumento Nacional.

“Este recoñecemento adoita ser para outro tipo de construcións. Neste caso é unha construción froito de séculos de ocupación humana que xerou os recursos naturais dos que depende”, comenta Nogueira.

Os socalcos forman tamén parte da Reserva da Biosfera da Unesco e da Rede Natura 2000 polo seu valor patrimonial, cultural e natural. E ademais, nun popular concurso televisivo, Sistelo foi declarada como una das 7 marabillas de Portugal na categoría de aldea.

Sistelo-Portugal-

Os socalcos caracterizan a paisaxe de Sistelo.

“Todo isto está traendo un importante fluxo turístico a Sistelo que os veciños tratan de aproveitar. Co proxecto buscamos a maneira de que este fluxo sexa sostible e se manteña no tempo para que as inversións turísticas se rendibilicen”, indica Joana.

Precisamente, estes recoñecementos, que están servindo para revitalizar a freguesía, tamén están a ter a súa incidencia na actividade gandeira. Unha das cuestións que afrontan os gandeiros son as trabas burocráticas para a modernización das súas granxas.

Unha das principais trabas para os gandeiros é a demora nas tramitacións ó entrar na valoración varias administracións

Nos últimos anos, o sector gandeiro na zona foise profesionalizando e o número de ganderías reduciuse e incrementouse o número de cabezas de gando que pastorean no monte. Os gandeiros complementan a alimentación das vacas principalmente con herba e millo que cultivan nos socalcos.

“Os produtores coméntannos que os procedementos son complexos e demóranse no tempo porque entran moitos departamentos na valoración”, explica Joana. De feito, a declaración como Paisaxe Cultural fixo que tamén teña competencias o Ministerio de Cultura.

Outro dos “conflitos históricos” que afrontan as ganderías de Sistelo é a presenza do lobo nos montes da Peneda do Gêres. “É unha situación que é preciso harmonizar e na que tamén estamos a traballar”, comentan dende o equipo técnico do proxecto.

Proxectos demandados pola veciñanza

Nestas reunións coa veciñanza, o equipo técnico está recabando información que logo poida ser útil para a posta en marcha de iniciativas tanto privadas e impulsadas polos propios veciños como dende as administracións.

Están a detectar preocupacións a distintos niveis. Unha das principais reivindicacións é a necesidade de contar con servizos pensados para os maiores, xa que a poboación destas zonas está cada vez máis envellecida.

As infraestruturas e as vías de comunicación son outro dos puntos nos que os veciños fan especial fincapé. Xunto a eles, a conservación da paisaxe e da singularidade deste espazo é outro dos eixes nos que se están a centrar as propostas manexadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información