A Semana Gandeira de Mazaricos, espello dun rural vivo

O evento, que se desenvolverá do 27 de novembro ó 3 de decembro, acadou un ano máis o inusual logro de implicar a toda a poboación do concello. Unha actividade que naceu cun carácter técnico, orientada ó sector agrario transformouse nos últimos anos nun acontecemento que reivindica o orgullo do rural

Publicidade
Publicidade
A Semana Gandeira de Mazaricos, espello dun rural vivo

Presentación da Semana Gandeira, co alcalde, Juan José Blanco; Janet Martínez (Eu Son Mazaricos), Óscar Blanco (Gandeiros de Mazaricos) e José Moreira (Africor Coruña).

Data inicio: 27/11/2017
Data fin: 03/12/2017
Lugar: A Picota, Mazaricos, A Coruña

A Semana Gandeira de Mazaricos celébrarase este ano entre o 27 de novembro e o 3 de decembro, tendo un ano máis as súas principais referencias nas xornadas técnicas, que se desenvolven o sábado 2, e na poxa de animais, o domingo 3. A cita, consolidada xa como unha referencia a nivel galego, logrou nos últimos anos algo inusual, pois a participación na Semana Gandeira trascende ó que é o sector agrario e implica a toda a poboación do concello, orgullosa dun sector lácteo no que Mazaricos é punteiro.

A presentación do programa da Semana Gandeira tivo este ano como escenario a granxa Perfecto Conde SC, unha das moitas explotacións do concello que trasladan a imaxe dun sector profesional e innovador. Con arredor de 250 vacas en muxido, a gandería opera con catro robots e destaca tamén por unha moderna nave, cunha estrutura en metal e con cortinas e toldos regulables en altura nos laterais.

No acto de presentación da Semana Gandeira interviu o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro, acompañado de representantes das tres entidades que, xunto co Concello, coorganización o evento: Africor Coruña e as asociacións Gandeiros de Mazaricos e Eu Son Mazaricos.

O alcalde destacou a participación na Semana Gandeira do tecido asociativo do concello, “desde Eu Son Mazaricos ata a asociación cultural de Antes, pasando polos gandeiros ou os hostaleiros”. Blanco Riveiro remarcou tamén que “este tipo de actividades son fundamentais para manter un rural vivo e crear sentemento de comunidade”.

Xornadas técnicas e poxa
Por parte de Gandeiros de Mazaricos, falou o seu presidente, Óscar Blanco, que explicou as características das xornadas técnicas. “Este ano quixemos facer unhas xornadas técnicas máis prácticas, nas que se expoñan cuestións que os gandeiros van poder aplicar logo na súa explotación”, incidiu. “Teremos seis ponencias que abordarán aspectos como os pasos a seguir para unha correcta inseminación das vacas, o manexo e a alimentación das becerras ou consellos prácticos para reducir o estrés por calor nas granxas”.

“Este ano quixemos facer unhas xornadas técnicas máis prácticas, que lle permitan ós gandeiros aplicar algunhas cuestións nas súas granxas” (Óscar Blanco, Gandeiros de Mazaricos)

Xunto coas xornadas técnicas, que se celebran o sábado 2 de decembro, outro dos referentes da Semana Gandeira é a poxa de animais, que se desenvolverá o domingo 3. Sobre a poxa falou o director técnico de Africor Coruña, José Moreira, que subliñou o traballo desenvolto polas granxas nas últimas décadas: “Hai 20 anos, unha granxa punteira producía uns 6.500 litros de leite por animal e agora estamos en máis de 10.000. Poxas como a de Mazaricos serven para poñer en valor o traballo de mellora xenética realizado en Galicia. Temos animais que son mellores que os que poden vir doutros países”, defende Moreira.

A poxa ten 35 animais preseleccionados de ganderías en control leiteiro da provincia da Coruña, 10 deles de alto valor xenético e mesmo nalgún caso descendente de embrións. “Esta poxa está orientada tanto a ganderías especializadas en xenética que queiran incorporar novos animais como a explotacións especializadas na produción de leite”, sinalou Moreira.

“A poxa está orientada tanto a ganderías especializadas en xenética como ás que se centran na produción de leite” (José Moreira, Africor Coruña)

Programa lúdico
O programa de actividades da Semana Gandeira complétase cunha gran diversidade de actividades de ocio e de concursos nos que ten protagonismo a asociación cultural Eu Son Mazaricos. A súa presidenta, Janet Martínez, explicou na presentación das xornadas que este ano haberá tres concursos, un de fotos -con tres categorías (paisaxe, animais e retrato no rural)-, outro de postres lácteos, que se repite por segundo ano tras o éxito da primeira edición, e outro de microrrelatos, que se pon este ano en marcha.

A asociación Eu Son Mazaricos enfoca boa parte do seu traballo a implicar aos máis pequenos do Concello, para o que conta coa colaboración das escolas. Para o sábado 2 pola tarde ten prevista tamén a organización dunha xinkana infantil. “Queremos que os máis cativos sexan tamén parte da Semana Gandeira, que participen e que estean orgullosos do rural”, destacou Janet Martínez.

O programa completo da Semana Gandeira de Mazaricos pódese consultar na propia web creada este ano para o evento. Resumimos a continuación o programa da Semana e das xornadas técnicas.

Programa da Semana Gandeira

Durante toda a semana
– Cursos de Cociña na aula adaptada para tal fin do Concello.
– Exposición de pezas de Sancosmeiros da Asociación Cultural de Antes.
– Exposición fotográfica con imaxes relacionadas co sector de Rebeca Conde.
– Visita a explotacións gandeiras.
– Actividades cos colexios.

Sábado 2
– Pola mañá, xornadas Técnicas do Sector Lácteo.
– Pola tarde, xinkana infantil, concerto da Banda de Balbina e entrega de premios dos diferentes concursos.

Domingo 3
– Pola mañá, poxa de xovencas. Sorteo de máis de 2.000 euros en regalos para todas as persoas asistentes. Durante toda a fin de semana, haberá unha exposición de maquinaria agrícola, gandeira e de servizos.

Programa da Xornada técnica (sábado 2 de decembro)

10: 45 h. – Pautas para mellorar a calidade do leite. (Alejandra de la Barrera Martorrell. Responsable do Grupo PS Vet DairyQuality S.L.).

11:15 h. – Claves para unha boa inseminación. (Mónica Barrio e Ismael Fernández. Veterinarios de Xénese).

11.45 h. – Pausa café.

12:15 Cinco razóns para elixir ben o teu banco (Jesús Combarro, Abanca).

12:30 Media hora de reflexión sobre se imos no bo camiño (Ángel Miranda, director da división de servizos agrogandeiros de Clun).

13:00 h. – Manexo e nutrición das becerras do nacemento á cubrición (Manuel Rondón, xefe de produto de vacún leiteiro de Nanta).

13:30 h. – Que podo facer fronte ao estrés por calor? (Albino Iglesias, veterinario de Seragro).

14 h. – Clausura. Ángeles Vázquez, conselleira do Medio Rural. Juan José Blanco, alcalde de Mazaricos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información