Samos celebra o 12 de agosto a súa Feira de Produtos Artesanais

Este ano contará con medio cento de expositores das provincias de Lugo e León e o programa desta edición, a número 22, inclúe obradoiros de cerámica, cestería e tear

Samos celebra o 12 de agosto a súa Feira de Produtos Artesanais

Imaxe dunha anterior edición da feira de artesanía de Samos. / Arquivo.

A Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos e o Concello de Samos organizan un ano máis o vindeiro domingo 12 de agosto a súa Feira de Produtos Artesanais, que inclúe actividades durante todo o día que encherán de vida este pequeno concello da provincia de Lugo, de menos de 1.500 habitantes, afincado en pleno Camiño de Santiago.

A partir das 11 da mañán abrirán as casetas do medio cento de expositores de artesanía e alimentación que se colocan no Campo da Feira. A esta cita, plenamente consolidada despois de 22 edicións celebradas, acoden artesáns, produtores e empresas de alimentación artesanais tanto da comarca de Sarria como de Lugo, a Terra Chá, a Montaña ou Ponferrada, que venden os seus produtos, desde artesanía de madeira ou de fío, óleos, mel, queixos, doces ou embutidos.

Trala misa no Mosteiro de Samos, fundado no século VII, unha verdadeira xoia arquitectónica de varios estilos (románico, gótico, renacentista e barroco) e un dos emblemas do concello, terá lugar o pregón, que correrá este ano a cargo de Francisca Pérez Mayo, máis coñecida como Paquita, monxa benedictina que cumpre 50 anos no Mosteiro de Samos, a onde acudiu a estudar de cativa desde un pobo de Zamora e onde xa se quedou, sendo durante anos a responsable da cociña do mosteiro.

O xantar celébrase no mesmo recinto da feira, un lugar moi acolledor a carón do mosteiro e do río Sarria. A xornada continúa pola tarde coas demostracións de varios oficios tradicionais. O programa deste ano inclúe demostracións de cerámica e olaría de Gundivós ou cestaría, a cargo nesta ocasión da artesá vasca asentada na Terra Chá Idoia Cuesta, que impartirá un obradoiro para todos os asistentes.

Mosteiro de Samos.

Mosteiro de Samos.

Outro dos puntos fortes do día son as actuacións de música tradicional e as demostracións de folclore galego. Este ano participarán os grupos Abrente de As Nogais, Legua Dereita de O Corgo e Folquiada de Lugo, que farán un desfile desde o claustro principal do mosteiro, un dos máis grandes de España, coñecido como Praza Padre Feijóo por contar cunha imponente estatua de Francisco Asorey adicada a un dos escritores que mantivo viva a literatura galega durante o século XVIII. A continuación actuarán no propio Campo da Feira.

Ademais das actuacións de pola tarde, a animación musical está garantida durante todo o día cos pasarrúas dos Gaiteiros de Goián e da charanga CDVBAN.

Manter a tradición e dinamizar a economía local
O presidente da Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, José Fernández Vázquez, lembra como naceu a Feira, no ano 1993, impulsada desde o Concello coincidindo co Xacobeo celebrado aquel ano. Un ano despois constituíase a asociación, que conta con máis de 30 socios e que se fixo cargo da organización desta actividade e doutras moitas durante todo o ano co obxectivo da dinamización do comercio e a economía local.

Desde entón, a Feira de Produtos Artesanais de Samos é cita obrigada na comarca, un evento moi concurrido que xunta durante todo o día a numeroso público, tanto da localidade como turistas e visitantes. Os obxectivos por parte do colectivo organizador seguen a ser os mesmos que en 1993: seguir mantendo a tradición, a difusión da música galega e a posta en valor da produción artesá mediante as demostracións de oficios tradicionais, a mostra de aperios de labranza e a exposición de vehículos antigos.

cartel samos vertical

Biscoitos e licores con historia
Samos conta unha gastronomía propia vinculada ao Camiño de Santiago e ao propio mosteiro. Das súas receitas medievais, conservadas durante séculos polos monxes, saíron dous dos emblemas da localidade, o licor Pax e os biscoitos de Manxarín, elaborados e comercializados hoxe en día fóra do mosteiro por distintas empresas asentadas na localidade.

De seguir a tradición do licor Pax encárgase a Gran Despensa Real Abadía de Samos, que elabora tamén repostería e queixos. Historia teñen tamén os biscoitos de Manxarín, que saíron dos fogóns do mosteiro fai máis de 250 anos.

Estes dous produtos non faltan todos os anos a súa cita coa Feira de Produtos Artesanais, igual ca Natividad Chaos, unha das poucas persoas que segue tecendo de forma artesanal en Galicia. Veciña de Portela de Lóuzara, acode cun tear de máis de 100 anos co que amosa o seu traballo diante do público e aproveita para vender as súas creacións en liño. Xunto ao tear pódense ver un bo número de ferramentas empregadas para todo o proceso do liño, así como para outras labores agrarias, que aporta a Carnicería Pío, que está a traballar na creación dun museo etnográfico na localidade.

Programa completo
XXII Edición FEIRA DE PRODUTOS ARTESANAIS DE SAMOS

DOMINGO 12 DE AGOSTO
11.00 h. Apertura das Casetas.
11,15 h. Pasaruas Gaiteiros de Goián
12,00 h. Misa no Mosteiro.
12,30 h. Demostración de varios obradoiros.
12,45 h. Actuación Charanga CDVBAN de Vilalba na Praza do Concello e Campo da Feira
13,25 h. Corte da cinta.
13.30 h. Pregón a cargo: Sor Francisca Pérez Mayo (Paquita) Benedictina do Mosteiro de Samos
14.30 h. Xantar. Campo da Feira
16,00 h. Demostración de varios obradoiros.
16,15 h. Obradoiro de cestería impartido por Idoia Cuesta Alonso
18,15 h. Desfile dende Praza Padre Feijoo hasta o Campo da Feira coa participación de todos os grupos.
19,00 h. Actuación de Grupos Folcloricos.
– Asociación cultural Abrente de As Nogais
– Asociación Cultural Legua Dereita de O Corgo
– Grupo de musica tradicional Folquiada de Lugo
– Charanga CDVBAN de Vilalba
21,45 h concurso de baile.

Durante toda a xornada exposición de vehículos antigos.
Haberá servizo de pulpería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información