Riotorto revive o 15 de abril a tradición dos seus ferreiros na XII Feira da Artesanía do Ferro

Foi un oficio fundamental durante séculos para desenvolver as tarefas do campo pero a mecanización fixo desaparecer á maioría dos ferreiros en Galicia. En Riotorto quedan aínda media ducia en activo.

Riotorto revive o 15 de abril a tradición dos seus ferreiros na XII Feira da Artesanía do Ferro

Feira de Artesanía do Ferro de Riotorto. / Arquivo.

O lume da forxa, o ferro incandescente e o son rítmico dos martelos mazando no metal para darlle forma volverán ser os atrativos centrais o vindeiro domingo 15 de abril na Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto. Veciños da localidade e dos concellos limítrofes, pero tamén cada vez máis persoas procedentes doutros puntos de Galicia, xuntaranse de novo nas Rodrigas arredor dun oficio aínda vivo neste lugar nunha cita xa consolidada e que chega á súa edición número doce mantendo o seu poder de convocatoria.

A feira, organizada pola Asociación de Ferreiros en colaboración co Concello, pretende poñer en valor un oficio que se está perdendo pero que constitúe un recurso único que Riotorto quere aproveitar para o desenvolvemento turístico e para que a profesión perviva.

As demostracións ao vivo dos ferreiros locais serán coma sempre os actos máis concorridos da xornada e os que máis expectación levantan entre os asistentes. Xuntaranse un ano máis mestres do oficio de Riotorto pero tamén outros chegados da Fonsagrada, Oscos, Austria, Santiago de Compostela, O Corgo e Navarra e haberá tamén un obradoiro de carbón vexetal a cargo de carboeiros de Becerreá, outra profesión intimamente ligada á de ferreiro, así como demostracións de pirograbado e torneado de madeira, imprescindibles tamén no oficio.

Aínda que o mundo do ferro e dos ferreiros é o eixo central da feira, na cita tamén haberá demostracións doutros oficios e técnicas artesás a cargo de profesionais chegados de distintos puntos de Galicia, como alfarería de Buño, cestería, torneado de madeira ou cristal tallado.

fouciño ferreiro vertical

Empuxe económico para a localidade
A feira en si constitúe un importante evento de dinamización económica local. Este pequeno concello a camiño entre a Mariña e as comarcas de Meira e a Terra Chá multiplica ese día a súa poboación no que se considera tamén o mellor día do ano para a economía local pola pegada que deixan as visitas no comercio e a hostalería.

Cunha gran cantidade de actividades complementarias que converten a xornada en moito máis que unha demostración do traballo que realizan os ferreiros, Riotorto amosará o vindeiro día 15 tamén outras iniciativas empresariais vinculadas ao sector agrogandeiro que son parte esencial da vida do municipio, como o sector cárnico, o lácteo ou o da horta.

Daranse cita, coma todos os anos, grande cantidade de expositores de todo o municipio e os seus arredores e a exposición e venda tanto de artesanía como de produtos do campo alongarase durante toda a xornada desde a apertura da feira ás 11 da mañá.

Haberá tamén espectáculos de lecer, animación musical a cargo do Coro de Riotorto, da charanga Mekánika e dos gaiteiros da localidade e outras actividades destinadas aos máis pequenos como talleres infantís e espectáculos de animación. O pregón correrá a cargo este ano do escritor e director xeral do Grupo El Progreso, José de Cora. O recinto feiral contará con carpa á beira dos colexios de Riotorto e haberá postos de comida e pulpería.

Buscando novos camiños para a profesión

En Riotorto chegáronse a facer 15.000 fouciños por tempada e na localidade chegaron a traballar 30 ferreiros. Hoxe son aínda media ducia os ferreiros en activo en Riotorto, e hai outro bo número deles que, xa xubilados, seguen a transmitir o oficio. Todos eles son herdeiros dunha tradición milenaria e sobre eles tamén recae actualmente a responsabilidade de evitar que o oficio desapareza transmitinto eses coñecementos e o valor etnográfico e patrimonial que encerra a profesión ás novas xeracións.

Na maioría dos casos o de ferreiro tratábase dun oficio herdado. Como lle pasa a José Mario Cabo (Jomaca), terceira xeración de ferreiros, a Manuel Alonso Fojaca (MAF) ou a Óscar Villada, unha das últimas incorporacións de xente ao sector, que decidiu continuar co oficio do seu avó e que aos seus 35 anos é o ferreiro máis novo da provincia de Lugo.

Os tres aplicaron ao traballo de ferreiro a innovación necesaria para permitir a supervivencia deste oficio nos tempos de hoxe, mais sen perder a súa esencia tradicional, que é o principal valor a explotar. Mais todos souberon nos últimos anos buscar outras aplicacións ao ferro e abrir novos camiños centrados na artesanía e a forxa decorativa para esta profesión que actualmente se atopa en perigro de extinción na súa vertente de facer unicamente ferramentas agrarias.

Ruta do ferro e recuperación das ferreirías

Imaxe de grupo de participantes na Feira do Ferro. / Arquivo.

Imaxe de grupo de participantes na Feira do Ferro. / Arquivo.

Riotorto é un deses pobos con longa tradición de ferreiros. Desde o val de Ferreiravella até a zona de Carboeiro, en todas as parroquias quen máis quen menos tense adicado, en exclusiva ou como complemento á actividade agraria, á profesión de ferreiro. Fouciños, gadañas, coitelos ou aperos e ferramentas saían desta localidade para todo o medio rural galego e para parte da península.

A primeira referencia histórica ao ferro neste lugar atopámola na documentación medieval do século XVI do convento de San Salvador de Vilanova de Lourenzá. A tradición dos ferreiros de Riotorto parece provir de Euskadi e así o confirmarían tanto termos técnicos procedentes do euskera que aínda perviven coma apelidos vascos aínda hoxe presentes na poboación da localidade, como Chavarría, Legaspi, Lombardero ou Recalde.

A creación hai unha década da asociación que agrupa aos ferreiros que aínda manteñen vivo este oficio no municipio de Riotorto serviu para poñer en valor esta tradición e comezar a explotala como valor de futuro. Foron distintas as iniciativas postas en marcha nestes anos e Riotorto conta mesmo cunha ruta que discorre por mazos e ferreirías, seguindo o cauce da auga que coa súa forza axudaba ao ferreiro a moldear o ferro saído da forxa e a afialo despois na moa.

De xeito parello comezou unha recuperación do patrimonio etnográfico vinculado ao oficio de ferreiro que permitiu, por exemplo, a rehabilitación e a posta a punto do mazo de Ferreiravella. Este lugar, onde traballaban os antigos ferreiros, pode ser agora visitado por veciños e turistas de xeito gratuíto e coñecer este oficio e a forma de vida dos que o desenvolvían.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información