Repítense os problemas cos prazos de presentación dos plans de mellora

Unións Agrarias advirte de serios “atascos burocráticos” en Medio Ambiente, Patrimonio e Augas de Galicia. Demanda un cambio de sistema que evite atrancos

Repítense os problemas cos prazos de presentación dos plans de mellora

Nave dunha gandería de leite. / Arquivo.

A convocatoria das axudas para plans de mellora de explotacións agrarias convírtese cada ano nunha carreira de obstáculos para as granxas. A Xunta obriga ás ganderías a presentar coa súa solicitude toda a documentación relativa a licenzas e autorizacións administrativas, pero os atascos burocráticos que hai na propia Xunta impiden que boa parte das granxas logren a documentación a tempo. Así as cousas, Unións Agrarias calcula que este ano unhas 200 granxas galegas quedarán sen presentar as súas solicitudes por estes atrancos.

O problema repítese ano tras ano. En ocasións, coma este ano, Medio Rural amplía un mes o prazo de presentación das axudas, a fin de darlle máis marxe ós solicitantes para recabar tódolos permisos, pero Unións considera insuficiente a medida. “Para que as solicitudes poidan completarse, faría falla moito máis tempo, dado o atasco burocrático que hai en organismos como Medio Ambiente, Patrimonio ou Augas de Galicia”, advirte a organización agraria.

Unións considera que Medio Rural é plenamente consciente da situación, pero que está a proceder a unha “política de recortes encubertos”. Os problemas que se repiten cada ano na convocatoria de plans de mellora terían solución -segundo Unións- se se volvese ó sistema anterior, antes do último cambio da Lei do Solo, cando chegaba con presentar tódalas licenzas e autorizacións á hora de certificar a obra, antes do pago da subvención. Daquela non se esixía a presentación dos permisos na solicitude, un sistema que lle permitía máis facilidades ás granxas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información