Rematados os fondos do Plan Renove de maquinaria agrícola

As organizacións agrarias pídenlle ó Ministerio de Agricultura que incremente a partida económica para atender a demanda rexistrada nesta convocatoria, logo de que se esgotasen os 5 millóns de euros iniciais

Publicidade
Rematados os fondos do Plan Renove de maquinaria agrícola

A penas un mes despois de que se abrira o prazo para a tramitación de solicitudes do Plan Renove para a compra de maquinaria agrícola, os fondos previstos están case esgotados.

O volume de peticións presentadas nestes primeiros días cubriu xa boa parte dos fondos habilitados. Así, na mañá de onte había dispoñibles aínda algo máis de 250.000 euros. Porén, esa mesma xornada pola tarde a cantidade reducírase ata quedar só 31.500 euros.

O Ministerio de Agricultura dispuxo para esta convocatoria un orzamento de 5 millóns de euros, unha cantidade que distintas organizacións agrarias consideran insuficiente xa nun principio e, máis aínda, logo da demanda rexistrada.

De non se ampliar o orzamento, as solicitudes que se tramiten a partir de agora pasarían xa a unha listaxe de agarda

A falta de fondos conleva que a convocatoria entre en reserva provisional cando aínda quedan case 4 meses para presentar solicitudes, logo de que o Ministerio ampliase este ano o prazo ata o 15 de setembro.

De non se aumentar o orzamento, as solicitudes que se tramiten a partir de agora pasarían xa a unha listaxe de agarda e, salvo que se produzan renuncias, estas peticións quedarían sen atender, posto que os expedientes resolveranse segundo a orde de entrada.

Distintas organizacións agrarias como a Coag ou Unión de Unións apuntan a que o volume de solicitudes atende a que nesta convocatoria volveran ampliarse as axudas a todo tipo de maquinaria, logo de que o ano pasado o Plan Renove se centrase só na adquisición de maquinaria adaptada para a aplicación de xurros.

Neste senso, tanto a Unión de Unións de Agricultores e Gandeiros como a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (Coag) reprochan que na convocatoria pasada quedaran sen aplicar arredor duns 2,3 millóns de euros dos fondos dispostos.

Incrementar os fondos

Ante esta situación, as organizacións agrarias, demándanlle ó Ministerio un incremento dos fondos co que atender a demanda rexistrada. Dende a Unión de Unións de Agricultores e Gandeiros solicitan que a admisión de solicitudes se manteña aberta e que se habiliten os fondos que sexan precisos para atender a totalidade da demanda de subvencións que se presenten.

Unión de Unións solicita manter aberta a tramitación de solicitudes e que se dispoñan os fondos para cubrir a demanda

Pola súa banda, Coag tramitou unha petición formal ó Ministerio de Agricultura en funcións para que, alomenos, duplique os fondos para o plan, ante a demanda rexistrada nesta convocatoria.

“Este incremento das solicitudes demostra que, coa ampliación a todo tipo de maquinaria, a ficha orzamentaria de 5 millóns é claramente insuficiente para a demanda existente”, apunta Miguel Blanco, secretario xeral de Coag.

A Coag pide, alomenos, que se duplique o orzamento destinado ó Plan Renove ante a demanda rexistrada

A Coag reivindica que é imprescindible un maior esforzo orzamentario para atender as necesidades de mecanización e modernización da agricultura e gandería española. A entidade incide en que estas axudas contribúen a que os produtores conten con máquinas enerxeticamente máis eficientes, con maior capacidade de traballo, máis seguras e respectuosas co medio ambiente.

Incluír os gastos para cumprir a normativa de xurros
Por outra parte, Unión de Unións tamén aproveitou para solicitar ó Ministerio de Agricultura que inclúa de novo nestas axudas os custos do proxecto de reforma para colocar o dispositivo de xurros e os derivados da homologación da maquinaria. Estes gastos, logo dun cambio de criterio, quedaron excluídos das axudas do Plan Renove.

Axudas para maquinaria asociativa en Galicia
En Galicia, entre tanto, a Xunta anuncia a próxima convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) das axudas para fomento da maquinaria en réxime asociativo, dirixidas a cooperativas, Cumas e Sats. Haberá un presuposto de 2,8 millóns de euros e financiaranse o 35% dos custos, cantidade que poderá incrementarse ata o 50% cando o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas ou estea en zonas con limitacións naturais. A convocatoria estará aberta un mes.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información