Recuperan en Viana do Bolo un dos foxos do lobo máis importantes da Península

Publicidade
Recuperan en Viana do Bolo un dos foxos do lobo máis importantes da Península

O alcalde de Viana do Bolo, Secundido Fernández -segundo pola esquerda- diante do pozo no que caía o lobo

O concello ourensán de Viana do Bolo ven de rematar as obras de recuperación dun dos foxos do lobo máis espectaculares da Península Ibérica. Rematan así as obras de recuperación e posta en valor deste elemento patrimonial, etnográfico e monumental de grande importancia cultural.

Na obra investíronse 48158 €, financiados case ao 50% entre o concello e a AGADER.

Unha enorme trampa para cazar o lobo construída na Idade Media

O Foxo do Lobo de Entre Cabezas, é unha trampa monumental de orixe medieval para atrapar ao lobo por medio dunha gran batida ou montería. A trampa sitúase no alto da montaña do Outeiro do Picoto, no paso natural entre os ríos Camba e Conso. Componse dun pozo de tres metros de profundidade e catro paredes lonxitudinais de case 100 metros de longo e 2 de altura.

Ten forma de cruz, sendo unha das tres únicas trampas desta tipoloxía documentadas ata o momento no mundo. Destaca pola súa monumentalidade e polo seu acabado, coa pedra en seco en disposición lineal e coroada con capeas para que o lobo non puidera fuxir. Un magnífico exemplo da cantería en seco que vén de ser declarada Patrimonio da Humanidade. Do seu emprazamento, destaca a exceléncia paisaxística do entorno, con amplas vistas do Macizo Central e Oriental do país, situándonos nun gran mirador natural.

Máis de 200 veciños participaban na batida

Na batida medieval do lobo participaban case todas as aldeas da contorna, eran obrigatorias e mensuais para ter ao lobo a raia e xuntaba a máis de 200 persoas na serra perseguindo ao lobo entre o mato ata encamiñalo ao fondo do buraco. Se era posible preferían capturalo vivo para poder pasealo e exhibilo.

Hai unha lenda en todo o Macizo Central que os foxos eran en forma de cruz para poder atrapar a un ser demoníaco que se alcumaba o “Lobo da Xente”, porque se alimentaba só de xente, principalmente nenos.

Na posta en valor incluíuse a recuperación íntegra do pozo e de parte das paredes do foxo, dándolle un aspecto en sensación de ruína, levada a cabo polo equipo de cantería de Diego Curras “O Rixón”· No seu entorno colocáronse dúas esculturas de pedra elaboradas por canteiros de Arria, escenificando o desenlace final da batida, cun monteiro e un lobo a piques de chegar ao buraco. Tamén se arranxou o camiño íntegro ata o foxo, así como a sinalización do roteiro con valizas e placas, e a súa explicación con paneis interpretativos. O camiño de ida e volta é de aproximadamente 1 hora, con algo de dificultade porque a ida é todo subida.

Un atractivo turístico máis para visitar Viana do Bolo

A dirección e seguimento arqueolóxico do proxecto foi levada a cabo polos arqueólogos David Pérez e Celso Barba.

Por último, o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández Fernández, destaca que “con esta actuación o goberno municipal mostra unha vez máis o interese pola recuperación e posta en valor da cultura e patrimonio de Viana do Bolo”. “Unha actuación que tamén pretende dar a coñecer este patrimonio a veciñanza e tamén incentivar o turismo e as visitas ao noso concello”, conclúe.

foxo lobo Viana 2 foxo lobo Viana 3

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información